Persoal dos sectores de discapacidade, menores e infantil 0-3 exixe dignidade laboral e salarial
Durante a concentración na delegación de Política Social na Coruña anunciouse a convocatoria de folga para o 3 de xuño
Delegadas e delegados concentráronse nas dependencias de Política Social da Coruña (Edificio Amizar) para reclamar condicións laborais e salariais dignas para o persoal de atención á discapacidade, centros de protección de menores e reforma, e educación infantil na etapa 0-3, que realizan o seu traballo en centros privados ou coa xestión privatizada.
A mobilización enmárcase nas protestas que estes tres sectores están realizando de forma conxunta dende hai máis dun ano para exixirlle á Consellaría, que ten as competencias nestas materias, que atende as súas xustas reivindicacións pola mellora das condicións laborais, a baixada das ratios, a redución da carga de traballo e uns salarios dignos a través da creación dun complemento autonómico galego.
O representante da CIG-Ensino, Henrique García, lamentou a inacción de Política Social e da conselleira Fabiola García, á que instou a abrir negociacións e “deixar de ser unha fábrica de conflitos”. Neste senso, lembrou que o conxunto dos sectores relacionados coa atención directa e os coidados ás persoas (como discapacidade, menores, infantil 0-3, residencias de maiores, centros de días ou axuda no fogar), están todos en pé de loita a causa da precariedade laboral insostíbel, a falta de efectivos e as problemáticas para poder ofrecer uns servizos de calidade.
Henrique García estendeu esta chamada ao máxime responsábel das políticas da Xunta de Galiza, o presidente Alfondo Rueda, a quen cualificou de “gran incendiario e responsábel da precariedade e dos recortes”, ao ter nas rúas tamén a toda a comunidade do ensino público, da sanidade pública, da administración e incluso tamén ao ensino concertado.
“Con estas condicións non se poden prestar uns servizos de calidade”, aseverou o responsábel sindical. E cualificou de vergoñento que un cargo público como a conselleira de Política Social se negue a escoitar e recibir o persoal e a abrir unha mesa tripartita coas patronais “para poder comezar a negociar, tendo en conta ademais que se trata de sectores financiados pola administración”.
Complementos autonómicos, baixa das ratios e máis persoal
O persoal destes tres sectores (que en Galiza ocupa a unhas 10.000 persoas) está regulado por convenios colectivos de ámbito estatal cuxas táboas salariais están no limiar do SMI e “que poucos máis dereitos teñen recollidos que o Estatuto das persoas traballadoras”. Por iso, aínda que cada sector ten as súa demandas propias, a prioridade común é mellorar as condicións laborais, sociais e salariais mediante a negociación colectiva, abrindo o Marco Galego de Relacións Laborais nestes sectores a través do Consello Galego de Relacións Laborais, no camiño de acadar acordos e convenios dignos e xustos na Galiza.
No inmediato, as centrais sindicais apostan pola negociación de melloras complementarias que permitan incrementar os salarios con complementos autonómicos (na liña do acadado en menores), reducir as ratios, mellorar as condicións de traballo, así como implementar os recursos materiais e as instalacións.
Alén dos baixos salarios, García apuntou tamén á precariedade na contratación, cunhas elevadas taxas de contratos a tempo parcial e temporal “que non permiten chegar a fin de mes”, e unhas xornadas abusivas, a quendas, con rotacións, nocturnidade e traballo en festivos e fin de semana “que non se abonan adecuadamente. Falamos incluso de casos no que se paga un euro á hora pola nocturnidade”.
“Con estas condicións non se poden prestar uns servizos de calidade”, aseverou o responsábel sindical. E cualificou de vergoñento que un cargo público como a conselleira de Política Social se negue a escoitar e recibir o persoal e a abrir unha mesa tripartita coas patronais “para poder comezar a negociar, tendo en conta ademais que se trata de sectores financiados pola administración”.
Folga o 3 de xuño e perigrinaxe reivindicativa
O representante sindical avanzou que de continuar este menosprezo por parte da Xunta, o persoal intensificará ás mobilizacións e xa está convocada unha xornada de folga parcial para o mércores 3 de xuño, das 09h ás 14h.
Previamente, os días 1 e 2 de xuño, farase un “camiño de Santiago reivindicativo” que sairá de Arzúa e rematará na capital galega o día da folga cunha gran manifestación ás 11h do Monte do Gozo até o complexo de San Caetano.
De xeito paralelo, continúan adiante os “mércores en loita”, que consiste en que desde os propios centros de traballo se realicen concentracións con mensaxes reivindicativas nas que se amosen as condicións laborais, precarias e inxustas nestes tres sectores de especial relevancia social.
Demandas en cada un dos sectores:
Atención á discapacidade (incluído o servizo de atención temperá na Galiza)
-Aplicación inmediata do total dos incrementos salariais recollidos no XVI Convenio estatal por parte da administración, que agora mesmo están a asumir as asociacións.
-Constitución dunha Mesa tripartita (administración, sindicatos e patronais) coa finalidade de dignificar os salarios coa creación dun complemento salarial autonómico.
-Maior dotación de recursos humanos e materiais, así como baixada das ratios, que garanta unha maior seguridade e mellor coidado tanto do persoal traballador coma das persoas usuarias.
Centros de protección de menores e reforma
- Que se cumpra coa totalidade do pago por parte da administración ás asociacións e a estas a aplicación inmediata a todo o persoal traballador desde a publicación no BOE do “acordo retributivo equiparador autonómico galego”, recentemente asinado pola parte social e patronal do sector de menores, para así cobrar as táboas salariais aprobadas no V Convenio Estatal, sen agardar a que se adxudiquen novos concursos, contratos ou concertos,ou até setembro de 2029 como di o convenio.
-O recoñecemento dun complemento autonómico, previa constitución dunha Mesa tripartita galega, que mellore e dignifique salarios actuais do V convenio e camiñe cara á homologación salarial nas mesmas categorías entre o persoal que está nos distintos tipos de centros, sen ter que esperar a setembro de 2029 para dita homologación.
- A negociación dunha baixada de ratios axustada á realidade e necesidades dos centros, dotándoos de máis persoal que mellore a calidade na atención ás persoas menores.
-A dotación urxente de máis recursos humanos e materiais, así como a mellora das instalacións en todos os centros, garantindo a seguridade e o coidado tanto para o persoal traballador como para os e as menores.
Educación infantil etapa 0-3
- Solicitude á Xunta de Galiza da integración das escolas infantís na Consellería de Educación, recoñecendo o seu carácter educativo fronte ao asistencial.
- Unificación das táboas salariais do XIII Convenio estatal, en base á gratuidade da Xunta para todo o sector, confluíndo todas as táboas nas tipo A) de xestión indirecta.
- Creación dunha Mesa tripartita galega para traballar no recoñecemento dun complemento autonómico, que dignifique salarios, así como negociar a baixada das ratios e a mellora da calidade educativa.
-A dotación urxente de máis recursos humanos (parella educativa) e recursos materiais.
Novas relacionadas



