
Persoal dos centros de menores privatizados maniféstanse nos seus postos de traballo apelando á conselleira de Política Social a mellorar as súas condicións
Ante a falta de compromiso tanto da titular de Política Social como do director xeral de Familia as traballadoras e traballadores deste sector intensificarán as súas protestas con concentracións diante das delegacións da Xunta na Coruña e en Ourense.
Despois do peche e da concentración celebrada o 15 de maio por parte dunha representación do preto do milleiro de profesionais que traballan nos distintos puntos de atención e de protección da infancia e nos centros de reforma de xuvenil de Galiza e que non se cumprira nin a reunión co director xeral de Familia, Jacobo Rey, nin coa conselleira de Política Social, Fabiola García, hoxe levouse a cabo outra acción simbólica reclamando a negociación dun convenio galego para o sector.
Diversos traballadores e traballadoras de Puntos de Encontro Familiar, Centros de Protección de Menores, Pisos Tutelados, Centros de Reforma Xuvenil... concentráronse nos seus postos de traballo portando cartaces con esta demanda. Entre eles, atópase persoal dos centros da Coruña Concepcion Arenal e CIEMA de Camiña Social, en Ferrol o PEF de Dignidade, o centro de reforma xuvenil Monteledo, así como os centros de Montefiz e Montealegre, o de Seixo de Vigo...
Cómpre lembrar que o sistema de protección de menores está privatizado en Galiza na súa practica totalidade, co 80% das crianzas e mocidade tutelada, así como aquela que está privada de liberdade por sentenza xudicial pero que non ten idade para ingresar en prisión, están centros xestionados por todo tipo de entidades, desde asociacións, ONG´s, fundacións ou empresas multiservizos.
En palabras do responsábel de Ensino Privado da CIG-Ensino, Henrique García "ambos cargos atópanse pechados no búnker de San Caetano, alleos aos problemas, necesidades e reivindicacións do sector de menores que foron trasladadas hai máis dun ano co apoio de máis do 60% de sinaturas de traballadores/as na campaña "Polos dereitos laborais, sociais e salariais: convenio galego Xa!".

Tras esta acción, se non obteñen resposta a vindeira semana intensificarán as mobilizacións non descartando calquera medida. Para comezar o xoves, 19 de xuño, ás 19 horas haberá concentracións diante do edificio de Política Social Espazo Aminar en Gregorio Hernández e diante do edificio administrativo da Xunta en Ourense, na Avenida da Habana. De non haber ningún movemento por parte da Consellaría non descartan voltar a San Caetano ou mesmo convocar paros no sector, "pois o colectivo está farto e síntese desprezado e abandonado por quen ten a responsabilidade deste servizo público esencial na Galiza", engade García. Á vez o responsábel da CIG-Ensino fai un chamamento ás patronais galegas maioritarias do sector, AGACEME e GAFIX, que si foron recibidas por Política Social, "para darmos pasos adiante e convocarmos a mesa de negociación en Galiza, a través do CGRLs, tal e como tiñamos acordado e na que a administración se vexa obrigada a colaborar e dar repostas ás necesidades e reivindicacións dos centros de menores, que compartimos logo de varias xuntanzas tanto a parte social coma a patronal".