
Persoal dos centros de menores concéntrase nas dependencias de Política Social da Coruña e Ourense en demanda dun convenio galego
Finalmente manterán o 4 de xullo unha reunión co director xeral de Familia que agardan que interceda para dar resposta ás súas reivindicacións dado que estes centros son da súa competencia.
A CIG-Ensino desenvolveu este xoves concentracións diante das Xefaturas Territoriais de Política Social na Coruña e Ourense para reclamar a negociación dun convenio colectivo galego para o persoal dos centros de reforma xuvenil e protección a menores que permita mellorar as súas condicións laborais e salariais.

Así mesmo, a central sindical demanda unha mellora do servizo coa redución das ratios, máis orzamentos e máis recursos para este sector esencial que atende unha poboación especialmente vulnerábel, fundamentalmente os menores cuxa tutela depende da Xunta de Galiza.
Cómpre lembrar que o sistema de protección de menores está privatizado en Galiza na súa practica totalidade, co 80% das crianzas e mocidade tutelada, así como aquela que está privada de liberdade por sentenza xudicial, vivindo en centros xestionados por todo tipo de entidades, desde asociacións, ONG, fundacións ou empresas multiservizos.
Nos distintos centros de atención e de protección da infancia e nos centros de reforma de xuvenil de Galiza traballan preto dun milleiro de profesionais. Mais o persoal está “farto” das condicións que soporta. Nos últimos meses levaron a cabo varias accións para forzar a negociación dun convenio galego: recabaron sinaturas co apoio de máis do 60% do persoal "Polos dereitos laborais, sociais e salariais: convenio galego Xa!", protagonizaron un peche nas dependencias da Consellaría e solicitaron en reiteradas ocasións reunirse coa conselleira de Política Social. O pasado 10 de xuño secundaron concentracións diante dos centros de traballo cunha alta participación.
Finalmente o director xeral de Familia, Jacobo Rey, accedeu a recibir a representación do sector o día 4 de xuño. Até o de agora non houbo ningunha interlocución con ningún responsábel da Consellaría da que dependen estes menores, aínda que estean en centros de xestión privada. Delegados e delegadas do sector e representantes da CIG-Ensino agardan que saian compromisos concretos desta xuntanza porque, do contrario, non descartan intensificar as mobilizacións.
Á vez, fan un chamamento ás patronais galegas maioritarias do sector, AGACEME e GAFIX, que si foron recibidas por Política Social, "para darmos pasos adiante e convocarmos a mesa de negociación en Galiza, a través do Consello Galego de Relacións Laborais, tal e como tiñamos acordado e na que a administración se vexa obrigada a colaborar e dar repostas ás necesidades e reivindicacións dos centros de menores, que compartimos logo de varias xuntanzas tanto a parte social coma a patronal", conclúen.