Persoal delegado da CIG-Ensino dos sectores da discapacidade, menores e infantil 0-3 farán fronte común por un convenio galego e melloras reais

Nunha asemblea conxunta decidiron concentrarse o 17 de setembro diante de Política Social para esixir unha xuntanza coa conselleira e trasladarlle as súas reivindicacións e as acordadas coas patronais dos tres sectores, que suman 5.000 traballadores/as

Na mañá de onte tivo lugar unha asemblea de delegados/as da CIG-Ensino dos sectores de “atención e formación ás persoas”: discapacidade, menores e infantil 0-3. Valorouse moi positivamente o traballo feito até agora e acordouse dar continuidade de forma conxunta ás campañas que cada un dos sectores comezou baixo o lema “Polas melloras laborais, sociais e salariais: convenio galego xa!”, en reposta a cada un dos precarios convenios estatais (asinados por CCOO e UGT en Madrid) que non atenden as reivindicacións do persoal traballador galego.

Os tres sectores, nos que a CIG é maioritaria cun total de 130 delegados/as (90 en discapacidade de 210 electos/as, 20 de 48 en menores e 24 de 60 en infantil 0-3) teñen coincidencias na situación laboral e salarial na que se atopan, nas súas problemáticas e nas súas reivindicacións:

  • Convenios estatais precarios, carentes de negociación e que van até 2028 ou 2029.
  • Xornadas abusivas e desreguladas, falta de dereitos laborais e salarios por debaixo do SMI.
  • Servizos sociais “esenciais” precarizados e feminizados, sen recoñecer e valorar traballo.
  • Responsabilidade da administración, que se pon de perfil e só busca facer máis con menos.
  • Patronais máis alineadas coa administración que co seu propio persoal traballador.
  • Necesidade de máis concienciación e organización sindical que os represente sempre.
  • Emprenderon a campaña “Melloras laborais, sociais e salariais: Convenio galego xa! “.

Ante esta situación, decidíronse realizar neste mes de setembro as seguintes accións:

- Levar a cabo por sectores as xuntanzas coas patronais pendentes e comprometidas. En discapacidade con AEDIGAL e INRED, tal e como se quedou e asinou no “manifesto” en xullo no CGRLs (Consello Galego de Relacións Laborais). En menores con AGACEME e GAFIX, tal e como se acordou na última xuntanza. Pola súa banda, en infantil 0-3 con AGADEI e a CEG, pendentes, e que se reivindicarán na rúa se seguen ignorando a demanda e non acceden.

- Concentración conxunta dos tres sectores diante da Consellaría de Política Social o mércores, 17 de setembro ás 11:30 para exixir, unha vez máis, manter unha xuntanza con Fabiola García, que se nos vén negando, nalgún caso durante máis de 18 meses, para trasladarlle e acordar as lexítimas reivindicacións do persoal traballador e as acordadas coas patronais nas distintas xuntanzas mantidas. Estas resúmense en:

1. Sector discapacidade

Aplicar os incrementos salariais recollidos no XVI Convenio Estatal xa por parte da administración.

Constituír unha mesa tripartita (Consellaría, patronais e sindicatos maioritarios do sector) coa finalidade de dignificar salarios coa creación dun Complemento Salarial Autonómico, así como a negociación colectiva no ámbito autonómico doutras melloras laborais, no camiño de acadar no CGRLs o “I Convenio Galego de Discapacidade”.

2. Sector menores

A aplicación de forma inmediata, a todo o persoal traballador e desde xaneiro de 2026, das táboas salariais aprobadas no V Convenio Estatal, sen agardar a que se adxudiquen novos concursos, contratos ou concertos.

O recoñecemento dun complemento autonómico.

A homologación salarial nas mesmas categorías entre o persoal que está nos distintos tipos de centros.

Abrir a negociación colectiva no CGRLs e acadar o “I Convenio Galego de Menores”.

3. Sector de infantil 0 a 3

Unificación das táboas salariais, en base á gratuidade da Xunta para todo o sector, confluíndo todas as táboas A) da Xestión Indirecta para xaneiro de 2026.

Creación da patronal ou patronais do sector.

Abrir a  negociación colectiva no CGRLs e acadar o “ I Convenio Galego de Infantil etapa 0-3”.

Se non nos recibe a Conselleira de Política Social e non se acadan avances reais, tanto coa administración como coas patronais, anunciaranse mobilizacións máis contundentes no mes de outubro, no que se van dar a coñecer os orzamentos da Xunta para 2026, non descartando a convocatoria dunha folga nos tres sectores, que suman 5000 traballadores/as (máis de 2000 en discapacidade, sobre 1000 en menores  e máis de 2000 en infantil 0-3). Por suposto, esas posibles convocatorias de mobilización serán abertas a todas as organizacións que compartan estas reivindicacións xustas e lexítimas.

Volver