Persoal delegado da CIG-Ensino concéntrase para exixir ao Conselleiro de Educación que asuma a urxencia da aprobación do plan de igualdade e protocolo de acoso para o profesorado

Desde o sindicato critícase a falta de respecto de Román Rodríguez cara as docentes, ao negar durante anos un dereito laboral básico como é dispoñer dun protocolo de prevención e detección de posíbeis situacións de acoso que se poidan producir nos centros

En declaracións aos medios de comunicación, Maruxa Martínez, responsábel da secretaría das mulleres e igualdade da CIG-Ensino, insistiu en que a Consellaría “incumpre reiteradamente a normativa en materia de igualdade”. A pesar de que hai máis dunha década que debera de estar aprobado o plan e protocolo de acoso “este segue a ser un tema residual na axenda da administración educativa, sendo o profesorado o único persoal da administración da Xunta que carece destas ferramentas”.

Foi a presión que exerceu nos últimos anos o sindicato maioritario, a que provocou que se constituíra a comisión de negociación hai ano e medio, pero a realidade é que a maior parte do tempo desde entón foi “de parálise absoluta pola ausencia de convocatoria de reunións por parte da Consellería”.

No ensino público, onde as mulleres representamos o 72% do persoal, “sufrimos un empeoramento constante das condicións de traballo, que nos levou a un curso de loita como non viviamos en décadas, con 5 xornadas de folga e outras que virán se a Consellería non rectifica!”

O aumento da carga laboral, os recortes acumulados e a falta de recursos dificultan cada vez máis a atención á diversidade do alumnado e “deterioran o noso labor educativo e a nosa saúde”.

A esta situación súmase unha perda de poder adquisitivo do 20% que arrastramos desde 2010, con salarios insuficientemente actualizados, pagas extras recortadas e a situación especialmente precaria do profesorado substituto, un colectivo aínda máis feminizado ca media.

As desigualdades tamén se agravan polo peso dos coidados, que continúan recaendo maioritariamente nas mulleres. “A inmensa maioría das excedencias, reducións, limitacións de zona para traballar e renuncias son solicitadas polas docentes, decisións que afectan directamente ás carreiras profesionais, ás cotizacións e ás futuras pensións”.

Por iso exiximos do Conselleiro de Educación “respecto ás súas traballadoras e a posta en marcha inmediata dun plan de igualdade para o profesorado e a existencia dun protocolo contra o acoso que ofreza garantías ás docentes fronte a situacións de desamparo, cada vez máis frecuentes nos centros de ensino”.

Logo das preguntas reiteradas sobre esta cuestión nas distintas mesas sectoriais que tiveron lugar este curso e como consecuencia de que o pasado domingo 8 de marzo, a federación do ensino asistira á manifestación nacional de mulleres convocada pola confederación denunciando esta situación, a administración reaccionou por fin. “No día de onte recibimos convocatoria para unha reunión que terá lugar nas vindeiras semanas, a segunda deste curso, mais temos que alertar da falta de documentación sobre o protocolo de acoso”. Existía un compromiso de que sería enviado un borrador e cinco meses despois atopámonos ante un incumprimento máis. Por iso estamos aquí, para trasladarlle en primeira persoa ao Conselleiro “que non asumimos a nosa situación e que loitamos polos nosos dereitos, tamén o dereito á igualdade real e a saúde e seguridade no posto de traballo”.

Volver