Persoal de infantil, discapacidade e menores fan un último chamamento a Política Social a intervir para rematar coa precariedade antes da folga do día 6

Esta mañá arredor de 500 persoas manifestáronse polas rúas de Compostela esixindo a negociación de convenios galegos para estes tres sectores que suman máis de 5.000 traballadores e traballadoras en máis de 500 centros de todo o país.

Nos tres casos o seu persoal cobra salarios que roldan o SMI malia tratarse de servizos esenciais e non ven recompensada a responsabilidade que teñen na educación de crianzas menores de 3 anos, a atención a usuarios con discapacidade e diversidade funcional ou a menores en situación de vulnerabilidade ou que cumpren medidas xudiciais.

Máis de medio milleiro de traballadores e traballadoras dos sectores de educación do primeiro ciclo de infantil e de atención á dispacacidade e a menores manifestáronse hoxe polas rúas de Compostela para reclamar que se negocien convenios galegos en cada un dos seus ámbitos, dado que o marco estatal non pon fin á situación de precariedade na que viven. Trátase dun colectivo que agrupa a máis de 5.000 persoas en toda Galiza que traballan en máis de 500 centros de traballo e que comparte situacións comúns: precariedade laboral e salarial (con soldos que en moitos casos non chegan ao SMI, conxelados porque dependen de que se renove o concerto económico das empresas ou asociacións que teñen a licitación dos servizos que subcontrata a Xunta, sen complementos nin subas que permitan recuperar o poder adquisitivo perdido nos últimos anos), con escasos dereitos laborais por riba do Estatuto dos/as Traballadores/as en canto a permisos, licenzas e conciliación familiar e cunha forte presenza feminina. Así mesmo, nos tres casos a CIG, sindicato maioritario, levou a cabo campañas con recollida de sinaturas entre o persoal afectado para reclamar a apertura de negociacións no Consello Galego de Relacións Laborais nas que se esixe a intermediación da Consellaría de Política Social á que hoxe tamén se dirixiron os e as manifestantes nas súas consignas.

En declaracións aos medios, Iria Cotelo, delegada da CIG en ASPANANE lembrou que nos últimos anos levan perdidos como a antigüidade ou os días de asuntos propios. “Desenvolvemos o noso traballo con ratios miserentas, cunha enorme carga física e, sobre todo, psíquica, non se nos recoñece a penosidade, perigosidade nin nocturnidade. Precisamos un convenio galego porque o estatal non dignifica o noso labor nin garante condicións xustas para quen coidamos de persoas en situación de vulnerabilidade. Estamos a prestar un servizo público esencial que a Xunta ten privatizado, cando debera ser a súa responsabilidade directa garantir unha atención de calidade, indicou.

Pola súa banda, Natalia Seijo, delegada nunha das tres escolas municipais de Compostela, incidiu en que “despois de máis de tres anos de espera e supostas negociacións en Madrid atopámonos cun convenio que unicamente se axusta á lexislación vixente, cunhas subidas salariais insignificantes que se quedan  no SMI e ningunha mellora en dereitos laborais: conciliación, baixada de rateos, recoñecemento de xornada lectiva e non lectiva, recoñecemento do nosa labor educativo e non só de coidados... A situación en Galiza é diferente porque aquí é totalmente gratuíta a educación infantil, que por certo esta gratuidade está integramente financiada con fondos europeos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia, e non se fai unha asimilación das condicións entre as traballadoras que prestan servizos de xestión directa ou indirecta, de aí que precisemos un marco galego que nos regule”.

Por último, Germán Estévez, presidente do Comité de empresa de Monteledo, un dos centros de reforma xuvenil existentes no noso territorio fixo fincapé na desprotección que a Consellaría de Política Social está realizando aos menores a través do mantemento de precariedade do persoal traballador. Neste sentido tamén se referiu a problemas de ratios, á falta de profesionais que queiran traballar neste sector pola perigosidade, que non está recoñecida, e á forte carga mental e emocional que soportan. No caso de menores, a diversidade de tipoloxía de centros é moi ampla, desde centros de reforma, de protección, puntos de encontro, vivendas e pisos tutelados... Estímase que hai máis de 1.000 menores que nestes momentos dependen administrativamente da Xunta e tal e como a conselleira recoñeceu recentemente en Galiza non existe nin unha soa praza vacante máis para atendelos porque o sistema está totalmente sobresaturado.

A próxima convocatoria, a folga do día 6 de novembro

Pola súa banda, o responsábel de Ensino Privado da CIG, Henrique García, salientou que nos orzamentos para 2026 no apartado de servizos sociais non se recolle nada para o persoal traballador nin para ampliación dos módulos dos concertos. Ademais fixo un chamamento ás patronais “a ser decididas e atrevidas para constituír as mesas negociadoras polos convenios galegos, mais aínda ante a pasividade e desatención da Consellaría que as pode levar a cláusulas de descolgue salarial, ERTEs ou peches. Tamén facemos chamamento público, unha vez máis, aos sindicatos estatais a actuar con responsabilidade e, atendendo ás necesidades e reivindicacións dos sectores, deixen de poñer atrancos e se unan á xornada de folga do 6 de novembro, convocada polo sindicato maioritario. 

Os e as asistentes á manifestación saíron da Alameda compostelá e fixeron parada diante da sede da Confederación de Empresarios de Galiza á que lle piden que sente a negociar para acadar estes convenios galegos (no caso de discapacidade xa houbo unha reunión que non frutificou e no caso de infantil sería preciso constituír previamente a patronal do sector). Ao remate da marcha léronse tres manifestos nos que se instou á Consellaría de Política Social a tomar nota destas protestas e do malestar do seu persoal. Neste sentido fixeron un último chamamento antes da folga do día 6 de novembro a tomar medidas, ou ben aplicando de inmediato as subas salariais previstas no convenio estatal nos concertos económicos que ten coas asociacións e empresas dos tres sectores, ou ben iniciando a negociación no Consello Galego de RRLL para acadar estes convenios propios. Do contrario, o seguinte paso que levarán a cabo conxuntamente é unha folga no sector prevista para o vindeiro 6 de novembro que, dado o carácter esencial que teñen, agardan que non se vexa boicoteada polos servizos mínimos decretados.

Volver