Persoal de coidados, formación e protección ás persoas convoca unha manifestación contra a precariedade este sábado en Santiago

A marcha arrincará da Alameda ás 11:00 horas para reclamar a dignificación laboral e salarial dun colectivo que agrupa a 35.000 persoas e a xestión pública dos Servizos de Atención ás Persoas

O persoal do sector de coidados, formación e protección ás persoas -público e privado- continúan as súas loitas para denunciar a precariedade que padecen e as consecuencias que isto ten para as persoas usuarias dos distintos servizos. Por iso, este próximo sábado 14 de novembro teñen convocada unha nova manifestación que sairá da Alameda de Santiago de Compostela ás 11:00 horas para reclamar a creación dun Servizo Público Galego de Atención ás Persoas que garanta condicións dignas para as persoas traballadoras e usuarias e non descartan novas mobilizacións, incluída a folga.

A CIG, CUT e SNEP levan anos denunciando a situación, tanto laboral como profesional, das escolas infantís 0-3 anos, centros de protección a menores e reforma xuvenís, residencias de maiores, centros de día, centros de noite, vivendas tuteladas e fogares residenciais, centros de atención á diversidade, Servizos de Axuda no Fogar, equipos de valoración da discapacidade e dependencia, atención temperá á discapacidade ou dos equipos de protección da infancia, servizos que o Goberno do PP na Xunta vén desmantelando e precarizando con políticas privatizadoras para facer deles un novo negocio a costa das persoas máis vulnerábeis.

Como lembraron na rolda de prensa celebrada o pasado 24 de setembro ás portas do edificio da Xunta de Galiza en San Caetano, a crise da COVID-19 puxo máis de manifesto ca nunca a necesidade de poñer a formación, a protección dos máis vulnerábeis e os coidados na prioridade das políticas públicas, e por tanto, a urxencia de máis investimento público en servizos de atención ás persoas.

Porén, consideran que é evidente “a ineficacia da prestación de servizos de atención social e de coidados por parte das entidades públicas e privadas”, co desleixo e a irresponsabilidade do Goberno do PP, que seis anos despois segue sen adoptar medidas que garantan unha atención adecuada e de calidade. “Son manifestas as carencias de persoal e material, a falla de protocolos homoxéneos de funcionamento, os abusos patronais e os importantes niveis de explotación laboral e precariedade”. Unha situación que, advertiron, “teñen unha compoñente de xénero ao seren sectores moi feminizados”.

Pola xestión directa

Tal e como alertaron, os servizos públicos son a única garantía para unha atención digna. Por iso denunciaron que “non é de recibo que os coidados, a formación, a protección e a saúde destas persoas vulnerábeis sigan gardando relación cos beneficios e flutuacións en bolsa dos fondos de investimento, multinacionais ou fondos voitre que están detrás das concesionarias destes servizos públicos”.

Ante esta situación a CIG, CUT e SNEP, defenden a xestión directa polas administracións públicas de todos os servizos públicos. Exixen que os recursos e servizos sociais de atención ás persoas deixen de ser unha actividade socialmente pouco valorada e en condicións precarias, para pasar a ser considerados servizos esenciais a prestar pola administración pública en condicións de calidade asistencial para as persoas e con condicións de traballo dignas e estables para todo o persoal traballador.

Consideran imprescindíbel o incremento dos equipos de valoración da discapacidade e dependencia e dos equipos de protección do menor, para axilizar os trámites, así como o incremento e adecuación dos orzamentos públicos destinados a este fin, ademais dos dirixidos á promoción da autonomía persoal, ao envellecemento activo e á protección á infancia vulnerábel, así como o despregamento efectivo e áxil da lei da dependencia.

Do mesmo xeito, exixirán a transferencia para Galiza de todas as competencias e recursos públicos para desenvolver, aplicar e ampliar a Lei de Dependencia e a elaboración de protocolos que garantan a seguridade e a saúde das persoas traballadoras ante calquera situación de violencia no traballo.

Reclamacións e calendario de protestas

As organizacións sindicais teñen acordado priorizar a mellora das condicións laborais, sociais e salariais mediante a negociación colectiva, abrindo mesas de diálogo tanto no ámbito privado, a través do Consello Galego de Relacións Laborais, como no público, coa Dirección Xeral de Función Pública. Responsabilizan á Xunta da situación actual e advirten de que a negativa a negociar por parte das Consellarías implicadas -Política Social e Educación- non freará a defensa de melloras como a baixada de ratios, a redución da carga de traballo, máis persoal especializado e salarios dignos e xustos.

Para isto están a desenvolver un intenso calendario de mobilizacións, entre as que xa se levaron a cabo diferentes concentracións como a do pasado 15 de outubro, ou esta próxima manifestación do sábado 14 de novembro, non descartando a posibilidade de convocatorias de folga nos sectores afectados en próximas datas, concretamente en decembro, mes no que a Xunta do PP aprobará os Orzamentos para 2027.

Volver