Persoal de atención á discapacidade e a menores e da educación infantil 0-3 anos irán á folga o 6 de novembro para reclamar convenios galegos

Está prevista unha manifestación nacional en Compostela o día 25 de outubro coa intención de presionar á Consellaría de Política Social para que, xunto coas patronais, escoite os tres sectores e abra o Marco Galego de Relacións Laborais

Despois da concentración celebrada o 17 de setembro diante da Consellaría de Política Social e de que a súa titular, Fabiola García, siga sen recibir a unha representación do persoal destes tres sectores, que suman máis de 5.0000 traballadores e traballadoras distribuídos en máis de 500 centros por todo o país, comeza un calendario de mobilizacións que irán intensificándose se non hai unha resposta por parte da administración. A CIG-Ensino, sindicato maioritario nos tres, lembra que o convenio galego é a única garantía de mellora real nas condicións laborais e salariais deste persoal, moito del aínda por debaixo do SMI e sen apenas dereitos laborais por riba dos regulados no Estatuto dos Traballadores, pero que realiza un servizo social esencial. Os convenios estatais non supoñen ningún avance e o feito de que prevalezan os autonómicos sobre estes obrigaría á Xunta a realizar as subcontratacións dos servizos adaptándose ao acordado neste últimos. O sindicato comparte puntos en común con algunhas das asociacións, fundacións e patronais do sector que denuncian que o financiamento da Xunta para manter un servizo e unha atención de calidade aos seus usuarios e usuarias é totalmente insuficiente. A Consellaría non está a cumprir coas míseras subas salariais dos convenios estatais, ao manter conxelados os módulos dos concertos sociais na discapacidade e en menores, así como as cantidades a pagar ás empresas ou concellos cando venden propagandisticamente a gratuidade en infantil 0-3. Isto provoca máis conxelacións salariais no persoal traballador, e que as Asociacións, sen ánimo de lucro, deban asumir os incrementos salariais esgotando a capacidade de financiamento que teñen, o que as pode levar ao peche do servizo, entrar en ERTEs, cláusulas de descolgue salarial, abusar máis das xornadas laborais...

Á Consellaría de Política Social médranlle os conflitos polo seu inmobilismo e desprezo polos servizos que xestiona. Se as traballadoras das residencias e dos SAF levan xa varias convocatorias de folga, agora son outros tres sectores que dependen dela directamente quen decidiron iniciar mobilizacións contundentes despois de pedirlle en reiteradas ocasións á conselleira que se reunira coa súa representación sindical e de solicitar formalmente a constitución do marco galego de relacións laborais. A CIG-Ensino, sindicato maioritario nos sectores de protección e reforma de menores, de atención a persoas con discapacidade e nas escolas infantís de primeiro ciclo tanto de xestión directa como indirecta, vén de convocar unha folga para o próximo 6 de novembro á que están chamadas máis das  5.000 persoas que traballan nos máis de 500 centros de traballo dispersos por todo o país. Ese día haberá unha manifestación diante do edificio da Xunta en San Caetano para pedir a intermediación directa de quen ten as competencias destes servizos que están maioritariamente privatizados, no caso das escolas infantís xestionadas por empresas e nos outros dous fundamentalmente por asociacións sen ánimo de lucro, fundacións e entidades sociais.

Ademais está prevista outra manifestación previa o día 25 de outubro polas rúas de Compostela con parada diante da sede da Confederación de Empresarios de Galiza (CEG) para denunciar a precariedade e explotación ás que está sometido o persoal traballador destes tres ámbitos. Cómpre lembrar que nos tres están en vigor convenios estatais que manteñen conxelados os seus salarios, moitos deles por debaixo do SMI e que aínda que leven incluídas novas táboas retributivas estas non se farán efectivas até que se renove a concesión do servizo, isto é, até que a Xunta ou outras administracións volvan sacar a licitación o contrato, convenio ou concerto social.

A situación é totalmente límite, tanto que unha das patronais de atención a persoas con discapacidade, a Asociación Empresarial para a Discapacidade Intelectual e do Desenvolvemento de Galicia (AEDIGAL), advertiu do peche de centros se a Xunta non actualiza os concertos. É por isto que a CIG-Ensino convida a todas as entidades e empresas implicadas, así como a outras organizacións sindicais a apoiar estas reivindicacións para conseguir mellorar entre todos e todas as condicións laborais, sociais e salariais do persoal e a calidade asistencial e formativa dos usuarios e usuarias. 

Principais reivindicacións de cada sector

 

A) Sector Discapacidade (arredor de 200 centros e máis de 2.000 traballadores/as)

Aplicar xa! os incrementos salariais recollidos no XVI Convenio Estatal  por parte da administración, que están a asumir agora mesmo asociacións.

- Constituír unha mesa tripartita coa finalidade de dignificar salarios coa creación dun Complemento Salarial Autonómico, así como a negociación colectiva no ámbito autonómico doutras melloras laborais, no camiño de acadar no Consello Galego de Relacións Laborais o “I Convenio Galego de Discapacidade”.

Este é o sector máis avanzado nas negociacións no que se mantiveron xuntanzas no CGRLs coas patronais AEDIGAL e INRED.

 

B) Sector de Menores (arredor duns 80 centros con máis de 1000 traballadores/as)

-aplicación de forma inmediata, a todo o persoal traballador e desde xaneiro de 2026, das táboas salariais aprobadas no V Convenio Estatal, sen agardar a que se adxudiquen novos concursos, contratos ou concertos.

-O recoñecemento dun complemento autonómico, que dignifique salarios.

homologación salarial nas mesmas categorías entre o persoal que está nos distintos tipos de centros.

- Abrir a negociación colectiva no CGRLs coas patronais AGACEME e GAFIX e acadar o “I Convenio Galego de Menores”.

 

C) Sector de infantil 0 a 3 (arredor de 270 centros e máis de 2000 traballadores/as )

- Unificación das táboas salariais, en base á gratuidade da Xunta para todo o sector, confluíndo todas as táboas nas tipo A) de Xestión Indirecta para xaneiro de 2026.

O recoñecemento dun complemento autonómico, que dignifique salarios.

- Creación da patronal ou patronais do sector ao contar só coa asociación AGADEI e con numerosas empresas moi atomizadas.

Abrir a negociación colectiva no CGRLs, previa creación da patronal, e acadar o “I Convenio Galego de Infantil etapa 0-3”.

Persoal de atención á discapacidade e a menores e da educación infantil 0-3 anos irán á folga o día 6 de novembro para reclamar convenios galegos

Documento


Persoal dos 80 centros de menores privatizados en Galiza abocado á mobilización despois de non acadar ningún compromiso na reunión co director xeral de Familia

Documento


Persoal delegado da CIG-Ensino dos sectores da discapacidade, menores e infantil 0-3 farán fronte común por un convenio galego e melloras reais

Documento


Volver