Persoal da Fundación Lar de Vilagarcía mobilízase contra os despidos e as sancións

A CIG denuncia que a entidade sen ánimo de lucro que presta servizo para a Xunta está a aplicar unha política de presións e abuso de poder

Persoas traballadoras e representantes sindicais da CIG na Fundación Lar Pro Saúde Mental de Vilagarcía de Arousa desenvolveron hoxe unha concentración diante do centro de rehabilitación psicosocial que xestiona esta entidade sen ánimo de lucro na rúa Muíño Novo, no lugar da Laxe, para rexeitar os despidos, as sancións, o abuso de poder e as presións da dirección do centro contra o cadro de persoal.

Dende a central sindical denuncian que esta política de represión laboral e sindical mantense dende hai un ano, incrementándose a comezos de verán. Neste tempo unha traballadora foi despedida, mentres que unha das tres delegadas de persoal acumula xa dúas sancións graves. A situación ten provocado ademais baixas voluntarias da empresa.

A CIG considera especialmente grave o que está a acontecer na Fundación Lar ao tratarse dunha institución sen ánimo de lucro que presta servizo para a Administración autonómica, tendo incluso a consideración de interese social por parte da Consellaría de Familia.

Pola súa banda, a representación legal das persoas traballadoras lembra que lle trasladaron en numerosas ocasións á dirección o “malestar” existente entre o cadro de persoal, o “deterioro” do clima laboral e a “presión” que estaban a soportar as persoas traballadoras, “preocupacións que foron deslexitimadas, considerándoas como simples percepcións individuais, sen que se adoptasen medidas para abordar o problema”.

En consecuencia, solicitouse unha avaliación psicosocial do centro, que confirmou tanto o malestar denunciado como factores de risco que deberan ser abordados. “No mes de abril mantivemos unha xuntanza coa dirección na que presentamos propostas concretas para intentar mellorar a situación; dixeron que as revisarían, pero a día de hoxe no temos resposta nin vemos cambios significativos; máis ben ao contrario, xa que nos últimos meses aumentou a presión sobre o persoal e producíronse distintas actuacións disciplinarias que deberan analizarse neste contexto de conflito e deterioro do clima laboral”.

Neste senso, dende a parte social sinalan que o despido dunha compañeira é o “último episodio” dunha situación que levan tempo denunciando, polo que coa mobilización de hoxe “queremos dicir basta, xa que non estamos a falar dun problema puntual nin individual, senón que se trata dunha dinámica que afecta ao conxunto do persoal e que ten que ser abordada antes de que as consecuencias sexan aínda maiores”. Polo que reclaman que se escoite as persoas traballadoras, que se teñan en conta as conclusións da avaliación psicosocial e que se adopten medidas “reais” para rematar con esta situación.

Volver