Paseos pedagóxicos 2025: Orixes (VI).

Coevolución da xeosfera e biosfera.

Desta volta fixemos catro paseos de día completo, todos eles en sábado. Os contidos tratados xiran sobre o papel do lume na configuración da paisaxe, os xacementos metálicos e a relación entre os endemismos e o substrato biolóxico.
1ª Xornada. Sábado 6 de setembro. Parte baixa do val do río Coura, freguesía de Covas (Caminha).

Comezamos comprobando como os incendios favorecen a expansión de dúas  especies invasoras procedentes de Australia, a  acácia-mimosa (Acacia dealbata) e a háquea-picante (Hakea decurrens). Esta última cunha semente adaptada ao lume.

Observamos que  a falla Vigo-Régua Caldas, que remata na vertente norte da Serra da Arga, produce unha importante industria mineira. Asegurados con cordas visitamos tamén “Os Caldeiróns” do río Coura, e camiñando entre socalcos para a agricultura, paramos a xantar nun merendeiro.

Pola tarde entramos en varias minas de Volframio na Freguesía de Covas. Vendo o tamaño das galerías, podemos intuír a importancia que tivo o “ouro negro” durante a II Guerra Mundial.

Seguimos a ruta entrando, e mollándonos, no Couço do Monte Furado. Este túnel, igual que o de Quiroga, foi construído polo romanos para apañar o ouro do Rio Coura.

Ligazón ao caderno de campo - Caminha

2ª Xornada. Sábado 20 de setembro. Melide – Vila de Cruces.

Baixamos do autobús á beira da A-54, onde as obras de dita vía, deixaron ao descuberto as rochas oceánicas de Melide. Nunha canteira cércana Xurxo explicounos a formación da serpentina e comprobamos a súa atracción magnética debido ao alto contido en magnetita (oxido de ferro).

Desprazámonos ata o Barazal Grande, onde desfrutamos dos endemismos serpentíniticos, varias especies vexetais únicas destas paraxes como a santolina melidensis. A súa situación de conservación é tan crítica que a Asociación Galega de custodia do Territorio arrendou varias parcelas para evitar que se plantase nela eucaliptos.

Camiñamos ata a Fonte Santa, onde a súa auga medicinal con alto contido en xofre cheira a ovos podres.

Despois de xantar camiñamos polo espectacular Sobreiral do Arnego, ferrados de terreo cubertos por centos de sobreiras de todas as idades e fogar de moitas especies de animais. A poboación local aproveitou durante xeracións esta fraga, pero ultimamente a explotación comercial pouco profesional estaa a poñer en perigo.

Cruzando dito sobreiral, camiñamos pola beira do rio Arnego ata o punto de recollida.

Ligazón ao caderno de campo - Melide

3ª Xornada. Sábado 27 de setembro. Oia – A Guarda.

Xusto despois de Baiona, entramos nunha cova onde hai unha antiga praia fosilizada, e varia formacións rochosas de orixe biolóxico. Xa en Oia paramos nunha acumulación de sedimentos periglaciares. Continuamos cunha segunda camiñada a beira do mar, parándonos en varias cetarias e en varias salinas. A cantidade de salinas que hai por toda esta costa, revelan o maior complexo destes tipos de estruturas para obter sal mariña de todo o Imperio Romano.  Hai unha teoría que asegura que “hai”, sal en latín, influíu na etimoloxía de “Galia” e “Galicia”.

Na Guarda paseamos sobre unha praia de coios aproveitados na industria do caolín. Despois de estudar unha escavación de salinas e varias outras individuais sobre a propia rocha, paramos a xantar nun piñeiral.

Pola tarde retornamos ata Oia agora pola parte da montaña. Estivemos non petróglifos dos barcos fenicios, testemuña gráfica da importancia da industria salina e do comercio cos pobos mediterráneos. Despois, baixo unha boa treboada, subimos ata un castro onde está a silla do Rei e paramos tamén nun milladoiro do camiño portugués.

Ligazón ao caderno de campo – A Guarda - Oia

4ª Xornada. Sábado 4 de outubro. Montederramo.

Igual que nas andainas anteriores, desprazámonos ata Vilariño Frío en autobús, onde se conserva unha vía romana. Percorremos parte da Via XVIII do Itinerario Antonino, desde antes da Ponte Vella ata dita localidade.

Seguimos ata Montederramo e alí tres coches todoterreo leváronos ata a vertente norte da Serra de San Mamede. Paramos no camiño para observar o Monte Partido, antiga explotación romana utilizando a ruína montium. No percorrido desfrutamos das espectaculares vistas, e sentimos a dor causada pola destrución dos recentes incendios no mesmo lugar.

 Iniciamos unha andaina circular de nove quilómetros que pasa polo corazón do Bidueiral de Gabín, onde atendemos a explicación da xénese dunha paisaxe de montaña (Dinámica e evolución da vexetación, importancia histórica da gandeira na serra, usos e ciclos do lume...). Xusto no medio, a beira dunha fonte, xantamos. A ruta, ademais de bidueiros, está chea de uceiras, breixeiras (sobre todo arandeiras), acivros, piñeiros, etc.

Durante a volta, e entre a névoa, sorprendeunos as recentes pegadas dun lobo pola pista forestal.

Ligazón ao caderno de campo - Montederramo

Agradecementos:

Un ano mais, Xurxo, Paco e Xosé, puxeron ao noso dispor o seu tempo e a súa sabedoría. Grazas infinitas pola voso imprescindíbel e altruísta traballo.

Volver