PAREMOS OS ATAQUES CONTRA O GALEGO!

Este 17 de maio non quedes na casa: mobilización expansiva en defensa da lingua que nos une

A Plataforma Cidadá Queremos Galego chama a toda a sociedade galega a seguirse mobilizando en defensa da nosa lingua e da nosa cultura propias este vindeiro 17 de maio, Día das Letras Galegas, desta volta mediante a metodoloxía da "mobilización expansiva": concentracións simultáneas no maior número posíbel de localidades galegas, e tamén no exterior.

Hai razóns máis que de sobra para seguir facendo do Día das Letras Galegas unha xornada reivindicativa e de mobilización social, demostrando que temos unha lingua e unha cultura viva e con futuro, non unha "cultura en lata" nin unha peza de museo para mirar para ela unha vez no ano e o resto agredila ou ignorala.

En dous anos que leva no goberno, Alberto Núñez Feijóo aínda non tomou nin a primeira medida en favor do galego. Moi polo contrario, a súa política é de desprotexer aínda máis o galego, de negar os nosos dereitos lingüísticos no ensino, na administración, nos medios de comunicación ou na xustiza. Paralelamente, descende ou desaparece o apoio aos creadores e iniciativas culturais de todo tipo coa escusa da crise económica. Con todo, si que parece haber cartos para traer cultura de fóra mentres se despreza e ignora a de aquí.

Debido á proximidade das eleccións municipais, este ano non haberá manifestación nacional en Compostela, como nos últimos anos, mais a Plataforma Queremos Galego chámanos a non quedar na casa. Como? Participando da "mobilización expansiva" e simultánea que están a preparar en ducias de localidades de todo o país para o 17 de maio ás 12 da mañá. O lema non pode ser máis rotundo: PAREMOS OS ATAQUES CONTRA O GALEGO.

Neste momento xa están confirmadas moitas das concentracións que haberá por toda a nosa xeografía e mesmo na diáspora: podédelas consultar, para verdes se está a vosa, en queremosgalego.org . Estade atent@s, porque a listaxe se irá actualizando a cada pouco coas novas adhesións que vaian chegando.

Se vedes que a vosa vila non está na listaxe e tendes interese en organizardes algo, poñédevos en contacto coa plataforma a través do correo-e queremosgalego@queremosgalego.org e explicarémosvos as posíbeis maneiras de colaborardes para que a onda expansiva en favor da nosa lingua molle tamén o voso concello.

Volver