Paremos o xenocidio en Palestina

Sumemos todas as forzas

A CIG leva participando e sendo elemento principal en todas as mobilizacións sociais que se levan convocado no país desde o comezo do conflito en Palestina, xa hoxe confirmado como un auténtico xenocidio planificado. 

Desde o sindicato consideramos que se debía fortalecer a resposta social en todas as vilas e cidades. Conforme foi avanzando a devastación e a liquidación de miles de homes e mulleres palestinas, a resposta foi avanzando até consolidarse periodicamente en máis de 30 localidades ao longo e largo do país. 

Cremos que debemos reforzar esa resposta desde todos os ámbitos sociais e por iso seguimos animando a sumar forzas e nutrir esas concentracións con profesorado e alumnado de todas as etapas educativas. É obvio que o noso papel como educadoras e educadores é importante á hora de difundir a protesta contra o xenocidio nos nosos centros, entre os nosos compañeiros e compañeiras, co noso alumnado: todas e todos somos necesarias para reaccionar co conxunto da sociedade é fundamental e forzar o final da barbarie.

A CIG-Ensino apoia calquera iniciativa que se produza en todos os ámbitos e, por tanto, tamén as concentracións convocadas para o próximo día 12 de abril nos centros educativos baixo o lema PAREMOS O MASACRE EN PALESTINA e apelamos a non limitar esa resposta ao ámbito educativo, levando a protesta a incrementar o apoio social que quincenalmente nos reúne desde o mes de outubro, convertendo a Galiza nun exemplo de resposta fronte á barbarie do sionismo.

  • Proposta de manifesto para a súa lectura

    Está pasando agora, mentres lemos estas palabras, mentres andamos polos corredores do noso centro, mentres o alumnado estuda e aprende, mentres o profesorado explica a materia. Está pasando agora, mentres saímos de clase, subimos e baixamos do autobús camiño das nosas casas. Esta pasando agora.

    Non fai falta ir aos libros de Historia, nestes momentos Palestina sofre un ataque continuo en forma de xenocidio por parte das tropas ocupantes de Israel. No mes de abril de 2024 superan amplamente as 32.000 persoas mortas, masacradas. Case 80.000 as feridas. 1,7 millóns de persoas desprazadas dos seus fogares. Casas, hospitais, escolas destruídas de forma sistemática e planificada. En cinco meses de guerra morreron máis nenos e nenas que no conxunto de todas as guerras do mundo dos últimos catro anos.

    A comunidade escolar temos a obriga de actuar fronte á barbarie e actuar como o que somos, parte da sociedade civil, para presionar os nosos gobernos co fin de parar este xenocidio. A LOMLOE, no seu primeiro artigo, afirma como un dos nosos principios “a transmisión e posta en práctica de valores que favorezan a liberdade persoal, a cidadanía democrática, a solidariedade, a tolerancia, a igualdade, o respecto e a xustiza”. O silencio, a equidistancia, ignorar o que está a suceder en Gaza é incompatible coa solidariedade, a xustiza e a cidadanía democrática.

    Esa mesma lei comprométenos a velar polo cumprimento da Convención sobre os Dereitos das Crianzas adoptada polas Nacións Unidas. Esa mesma convención, no seu artigo 6, afirma que “toda crianza ten o dereito intrínseco á vida”. A vida de todas as crianzas, tamén as palestinas.

    Hiba Kamal Abu Nada foi unha poeta novelista, bioquímica e activista feminista de nacionalidade palestina, nacida na Meca o 24 de xuño de 1991. Morreu o venres 20 de outubro de 2023 á idade de 32 anos na súa casa de Jan Yunis, na franxa de Gaza, por mor dun bombardeo por parte das forzas israelís.

    Un día antes de morrer escribiu o seu derradeiro poema

    A noite na cidade é escura,
    excepto polo brillo dos mísiles;
    silenciosa, excepto polo balbordo do bombardeo; aterradora, excepto pola promesa tranquilizadora da oración; negra, excepto pola luz dos mártires.
    Boas noites.

    Con este acto simbólico, queremos mostrar que Gaza somos todas e todos. A súa dor é a nosa, a súa esperanza, é o noso compromiso e solidariedade co pobo palestino.

    Desde o (nome do centro)
    denunciamos o xenocidio que se está a cometer contra o pobo palestino
    esiximos un cese inmediato do fogo en Palestina
    esiximos a apertura dos pasos fronteirizos para a libre circulación de axuda humanitaria. En mostra de solidariedade enarborarase unha bandeira palestina na entrada do centro.

 

Volver