
Para a CIG Ensino é totalmente inaceptábel e inxustificábel a pretensión da Consellaría de Educación de non convocar Oferta de Emprego Público para este ano
Van xa tres anos consecutivos nos que non hai oferta de secundaria e na maioría da formación profesional
Neste curso, os centros educativos teñen 1.000 profesores/as menos, feito que se verá agravado ao non cubrir, nin sequera, as vacantes que se produzan pola xubilación.
O secretario nacional, Anxo Louzao, manifestou que estamos ante unha decisión que amosa a total supeditación do conselleiro de educación aos mandatos do Partido Popular de Madrid, asumindo unha recentralización das competencias educativas, xa que a oferta de emprego é unha competencia da administración educativa galega que ten que considerar as necesidades e as carencias do sistema educativo galego, que son diferentes ás que poidan ter outros territorios do estado español.
Esta decisión, nin sequera, respecta a posibilidade de convocar o 10 % da taxa de reposición que recolle o Decreto Lei 20/2011 de medidas urxentes de materia orzamentaria.
A CIG-Ensino esixe a convocatoria da Mesa sectorial para negociar a oferta de emprego deste ano no ensino. Do contrario, non desbota levar a cabo mobilizacións.