Os sindicatos estatais volven vender ao persoal traballador prorrogando por tres anos máis a precariedade no sector

Negociacións do XII convenio colectivo estatal de centros de ensinanza privada regulada sen ningún nivel concertado

Tal e como adiantou a CIG-Ensino, ás organizacións sindicais estatais asinan un preacordo coas patronais do sector, ao ditado destas e sen acadar un só avance en dereitos laborais e sociais, nin unhas táboas salariais que recuperen nin garantan o IPC.

No día de onte, e despois de só tres meses nos que tiveron lugar catro mesas “negociadoras”, o sindicalismo estatal volveu vender ao persoal traballador que din representar. Asinaron un preacordo do XII convenio estatal de ensinanza privada regulada sen ningún nivel concertado, sen recoller unha soa mellora laboral e social, nin unhas táboas salariais que recuperen o poder adquisitivo perdido (durante o XI convenio perdeuse un 9,8% de IPC) nin  garantan o futuro, ao non recollerse unha cláusula de revisión salarial anual.

O próximo 3 de xuño, terá lugar a sinatura do XII convenio, pois nin tempo lles deu a adaptalo á legalidade, debido ás presas por asinalo en tempo récord, así como esperar por algunha OO.SS, xa asinante do XI convenio, que lle custa tragar este entreguismo sindical a estas proposta miserentas da patronal (máis cando na anterior mesa do 8 de maio,  houbo un rexeitamento común de todas as OO.SS, xunto coa CIG-Ensino).

Que impere este modelo sindical PACTISTA e ENTREGUISTA, depende dos resultados electorais nos vosos centros de traballo, polo que dende a CIG-Ensino facemos un chamamento a reforzar o noso modelo sindical distinto, REIVINDICATIVO, COMBATIVO e ASEMBLEARIO, que parta das decisións dos traballadores e traballadoras e non das cúpulas sindicais estatais e que force negociacións reais e non “paripés” coma estes.

A CIG-Ensino propón pelexar por un marco de relacións laborais galego, máis próximo ao persoal traballador para que poida participar, máis cando se acaba de aprobar unha modificación no Estatuto dos Traballadores/as a supremacía dos convenios Autonómicos sobre os estatais.

Propostas do preacordo acatadas polos sindicatos estatais ao ditado das patronais  ACADE e CECE.

1.- Ámbito temporal de 3 anos, coas seguintes subas salariais anuais de 3,5%, 3,5% e 3%, durante 2024, 2025 e 2026.  Nin se chega ao 4% recomendado no V “AENC” e sen cláusula de revisión salarial anual.

2.- Adaptación legal de todo o texto a novas normas e leis que entraron en vigor dende a publicación do XI convenio.  Modificacións todas elas xa de obrigado cumprimento, consten ou non no convenio, polo que cero avances en dereitos cando é dos convenios máis precarios.

3.- Tratar os temas demandados de “xornada” e “FP” en “comisións ou grupos de traballo”, creados polos asinantes do convenio e a negociar durante a vixencia do mesmo. A experiencia xa nos di que isto é fume e quedarán para o seguinte convenio.

 

Volver