Os salarios non poden seguir así: os acordos sindicais estatais sitúan as nosas retribucións por debaixo das pensións

O segundo acordo estatal para a fixación dos soldos públicos castigan novamente a empregadas e empregados mentres as pensións van da man dos prezos.

A CIG-ensino esixe a aprobación dun complemento autonómico por parte da Xunta para compensar a perda de poder adquisitivo despois de que o acordo de 2023 significara unha esmola retributiva.

Desde xaneiro de 2022 até a decembro de 2024 as retribucións do persoal ao servizo das diferentes administracións públicas de todo o Estado, incluíndo por tanto o persoal docente, experimentaron unha suba do 9,5%. Ese foi o resultado dun acordo asinado por CCOO e UGT co goberno estatal. Nese mesmo tempo, os prezos subiron moi por riba desa contía, chegando ao 12,1%. Tamén nese espazo temporal as pensións públicas subiron un 14,8%.

Nas cifras anteriores hai que ter en conta os diversos sistemas empregados para o cálculo oficial do IPC (medido tendo en conta o IPC interanual con prezos entre os meses de decembro de cada ano) e o mecanismo para aprobar a suba das pensións públicas (o IPC medio de todos os meses entre cada mes de novembro). Tamén hai que ter en conta que computamos nesta comparativa a suba anual non acumulada tal e como figura nos diferentes acordos.

O resultado do que vemos nesas cifras está claro: os nosos salarios como empregados e empregadas públicas non fan fronte ao medre dos prezos. A vivenda, con hipotecas ou alugueres, a alimentación, o combustíbel para acudirmos aos centros de traballo,... todo provoca que o que cobramos teña menos valor ano tras ano. A responsabilidade é, en primeiro lugar, do goberno que ten nas súas mans a potestade de evitar o empobrecemento, ou a perda de poder adquisitivo no mellor dos casos, de quen traballa no sector público. Máis tamén ten cómplices. No canto de rebelarse e mobilizarse para conseguir frear está sangría económica, sindicatos como CCOO e UGT estamparon a súa sinatura nese acordo.

Ao dúo anterior súmaselle neste ano 2025 un terceiro pé. CSIF asinou xunto con UGT e CCOO un acordo con Función Pública que foi finalmente aprobado no Congreso a semana pasada para topar as nosas retribucións até o ano 2028 e fano coa mesma regra que no ano acordo anterior: desvinculación do IPC e asunción de que o perdido non se pode recuperar.

En que cabeza entra que os salarios suban menos que as pensións?

A situación é tan tremenda que novamente os salarios seguirán por debaixo das pensións públicas. Se no trienio 2022-24 as pensións superaron nun 5,3% aos salarios, neste ano 2025 pactaron ficar de novo por debaixo das pensións.  Cobraremos con efecto retroactivo un 2,5% desde xaneiro cando as pensións subiron neste ano que agora remata o 2,8%, pagado xa desde comezos de ano. Peor situación teremos no 2026, xa que se vén de confirmar que as pensións subirán o 2,7% mentres que a suba salarial será do 1,5%. Haberá que agardar até finais de 2026 para saber se a esa suba se lle pode sumar un 0,5% adicional. O que xa non precisamos é agardar para saber que cando acabe o ano próximo os salarios ficarán un ano máis atrás das pensións.

Cando remate o ano 2026 o diferencial entre as pensións e os salarios do sector público chegará ao 6,8% desde 2022 (en tan só 5 anos). No mellor dos casos esa diferenza podería ser do 6,3% se a suba salarial se redondea ao 2%.

É impresentábel e un insulto a quen traballamos en calquera administración pública que haxa un goberno e uns sindicatos que propoñan e acepten respectivamente unha situación coma esta. Desde fóra, como quen non vai con el, o PP frota as mans, porque desde logo en gobernos como o galego nunca superou os acordos estatais. A CIG-Ensino, no marco das folgas docentes que leva convocadas este curso inclúe entre as súas reivindicacións a aprobación do aumento no complemento salarial que depende da Consellaría de Educación porque os últimos dous acordos que houbo neste marco foron un insulto. Entre o ano 18 e o 21 a suba apenas chegou aos 80 euros nos catro anos e no acordo de 2023 a única suba lineal para todo o profesorado foi de 10 euros brutos na titoría.

Por que non se pacta por lei unha suba dos salarios públicos acordes ao IPC?

Por que as retribucións no sector público non están, cando menos, ao nivel das pensións públicas?

Por que hai sindicatos que levan anos instalados nunha entrega permanente a quen goberna?

Fronte á resignación temos a alternativa de sermos activos, de participar os todas e todos nunha loita pola defensa das nosas condicións de traballo máis tamén dos nosos salarios.

Sobran os motivos para mobilizarse. O dos nosos salarios nni é nin pode ser tratado como un tema menor. Non podemos nin debemos aceptar que empeoren as nosas condicións ao respecto do que nos custa facer fronte á vida diaria.

Volver