Os resultados do Informe Pisa en que o alumnado galego supera a media española, reférense ao momento en que as materias científico-técnicas se impartían en galego, contradecindo os argumentos usados pola Consellaría contra a nosa lingua

Sendo os criterios deste sistema de avaliación da OCDE cuestionables polo seu uniformismo, economicismo e reduccionismo

A CIG-Ensino lémbralle á Consellaría de Educación que os resultados do Informe Pisa, que tan positivamente avaliaron nos medios de comunicación, reférense ao momento en que aínda estaba en vigor o Decreto 124/2007 (abril e maio de 2009) e, por tanto, avalían a aprendizaxe das matemáticas e as ciencias no noso idioma.

A CIG-Ensino considera que o informe Pisa non pode ser o único método de avaliación do sistema educativo galego, pois este informe feito pola OCDE con criterios fundamentalmente uniformizadores,  non ten en conta o contexto en que se realiza a avaliación e trata por igual a estados e territorios con notábeis diferenzas en materia educativa.

Os resultados que recolle este informe sitúan a Galicia por riba da media española en comprensión lectora, competencia matemática e científica. No caso da comprensión lectora recóllese que Galicia está por riba da media de Reino Unido, Alemaña e España, entre outros estados. No caso da competencia matemática este informe sitúa a Galicia por riba de Suecia, Francia, Austria, Estados Unidos ou España. Para a CIG-Ensino o relevante destes datos é que o informe contradí os argumentos usados interesadamente contra a nosa lingua, pois como se pode comprobar estudar as matemáticas e as ciencias en galego non foi un obstáculo para o alumnado que colleitou uns resultados importantes, especialmente en competencia científica, ámbito en que o coñecemento do medio e as ciencias naturais veñen sendo impartidas no noso idioma desde o ano 1995.

Algo terá que ver o bon facer do profesorado galego, malia a que a inversión en educación na Galiza está moi lonxe do que dedica a OCDE. Un profesorado que non conta co apoio que debería por parte da Consellaría de Educación, pois non atende as súas demandas e chega a insultar o profesorado como fixo para xustificar a desviación do proxecto Abalar aos centros privados. 

A CIG-Ensino considera que a Consellaría ten que apostar decisivamente polo ensino público, dedicando o 7% do PIB a Educación, e poñer en marcha un plano de prevención e loita contra o fracaso escolar e o abandono prematuro do ensino, polo tanto non cabe caer na autocomplacencia e a Consellaría debe poñer todos os medios para reducir e eliminar as carencias que segue mantendo o sistema educativo, dotando os centros de todos os recursos e profesorado necesario.

Volver