A CIG-Ensino e outras organizacións sindicais conseguen unha reunión co conselleiro para abordar as reivindicacións do persoal da concertada

Tras permanecer pechados durante esta mañá nas dependencias da Xunta acadaron o compromiso de manter unha reunión con Román Rodríguez o vindeiro martes 5 de decembro.

Os sindicatos presentaron a comezos de xuño unha proposta de Acordo de Mantemento de Emprego sobre a que non obtiveron resposta por parte da administración. A comezos de outubro solicitaron unha reunión co conselleiro e novamente o silencio foi a resposta.

Representantes das organizacións sindicais FSIE, FeSP-UGT, CCOO Ensino, FEUSO e CIG Ensino decidiron dar un paso adiante e presentarse hoxe na Consellaría de Educación para exixir que o conselleiro Román Rodríguez os recibise, ante a falta de resposta por parte da Administración ás peticións presentadas por escrito nos últimos meses para tratar asuntos moi relevantes que lles afectan aos máis de 7.000 traballadores e traballadoras do ensino concertado. Finalmente, despois de varias horas de espera, a reunión terá lugar o próximo martes 5 de decembro. Os representantes sindicais recordan que o profesorado da concertada de Galicia leva 7 anos perdendo salario e dereitos.

peche consellaría concertada

Entre os asuntos que formarán parte da orde do día desa reunión destaca o Acordo de Mantemento de Emprego que non existe desde o ano 2009 e que garantiría a estabilidade dos postos de traballo actuais. Neste sentido, as centrais xa consensuaron coa patronal un AME, co fin de que a perda de unidades educativas nos centros non supoña a perda de empregos. Esta proposta de AME non implica ningún incremento nos orzamentos para a administración e foille remitida a comezos do verán sen obter ningunha resposta.

Ademais, noutro escrito presentado ao conselleiro en outubro lembrábaselle que a última convocatoria da Comisión Tripartita do Ensino Privado Concertado se celebrou no ano 2016. Actualmente esta comisión carece de contidos e só é convocada, cando a convocan, para informar.

Outras reivindicacións que se van tratar co conselleiro son o abono da coordinación de dinamización lingüística, que non están a cobrar os traballadores e as traballadoras da concertada; os recortes salariais soportados por este colectivo nos últimos anos, consolidados en nómina e que aínda non se recuperaron, así como a paga extraordinaria de antigüidade dos 25 anos, que non se aboa dende 2010, “sendo Galiza a única comunidade autónoma do Estado que non paga a PEA, dereito recoñecido por xurisprudencia reiterada”.

Por todo isto, e ante a situación de recuperación económica “da que tanto se alardea na Xunta, cremos que chegou o momento de empezar a negociar un Acordo de Mantemento do Emprego, un acordo de abono da PEA e un calendario de recuperación salarial, así como o abono da coordinación de dinamización lingüística que non están a cobrar os traballadores/as do ensino concertado”, tal e como lembran os representantes sindicais.

CIG Informa sobre a reunión solicitada co conselleiro para abordar as reivindicacións do persoal da concertada

Documento


Volver