Os recortes e a improvisación da Consellaría de Educación afectan gravemente ao inicio do curso nos centros da provincia de Lugo

Recortes de profesorado, problemas na cobertura de substitucións e peche de centros lastran o inicio de curso na provincia.

A CiG-Ensino convoca unha manifestación en Compostela o vindeiro 13 de setembro e unha folga xeral no ensino o 25 de setembro.
Recortes de profesorado

Varios centros na capital, como por exemplo o CEIP Rosalía, CEIP Luís Pimentel e CEIP A Ponte, recibiron en xullo a confirmación oficial de que se lles asignaba un docente a xornada completa. O venres pasado, a só tres días do comezo das clases, a inspección de Lugo comunícalles que todo foi un “erro” e que en realidade só dispoñen de medio docente. Isto implica que as direccións tiveron que refacer horarios con carácter urxente, provocando desorganización e prexuízos para alumnado e profesorado. A CIG-Ensino xa advertíra na Mesa Sectorial na que se negociou o calendario escolar que fixar o inicio do curso o 8 de setembro era prematuro e non deixaba marxe ante incidencias coma esta.

Ademais, o CEIP A Ponte tiña o compromiso por parte da Consellaría de contar cunha orientadora a tempo completo, mais este compromiso non foi respectado. A situación é especialmente grave porque se trata dun centro con un 33% do alumnado con necesidades educativas especiais e que dispón dunha aula específica, polo que a presenza continuada da orientadora resulta imprescindíbel. Ademais, o centro non conta con persoal administrativo, a pesar de xestionar directamente un servizo de comedor e de ter 5 liñas de transporte escolar, o que supón unha carga administrativa inasumíbel para o equipo directivo.

Outro caso do que podemos falar tamén é do CEIP do Páramo, que conta con tres unidades: 1 aula de Infantil con 6 alumnos/as, 1 agrupamento de 1º, 2º e 3º de Primaria con 17 alumnos/as, 1 agrupamento de 4º, 5º e 6º de Primaria con 14 alumnos/as. O centro trasladou á administración a necesidade de un docente máis de Primaria, que xa tiveron o ano pasado, para garantir unha atención adecuada ao alumnado e unha organización pedagóxica viable, mais obteron un non por resposta. Ademais, a propia ANPA do centro iniciou mobilizacións para reclamar esta dotación.

Outro caso similar ao anterior atopámolo no colexio de Portomarín, onde xa o ano pasado se tivera que mobilizar a comunidade educativa para que se dotase un profesor máis. O ano pasado concederon ese profesor, polo que este ano non entendemos por que non se fai o mesmo, sobre todo tendo en conta que aumentou o número de alumnado.

Tamén nos centros de secundaria se están a producir recortes de profesorado. O IES Leiras Pulpeiro leva tempo reclamando máis profesorado de Pedagoxía Terapéutica: conta con só dúas docentes para atender a 600 alumnos/as, unha cifra totalmente insuficiente, tendo en conta que hai centros coa metade de alumnado e o mesmo número de docentes de PT. Outro caso similar atopámolo no CEIP Luís Pimentel, un centro con 610 alumnos e alumnas que ten dúas PT e media, pero é que o curso pasado tiña 3 PT e media e media AL.

Ao anterior podemos sumar algo que xa vimos reclamando hai moito tempo que é que se dote dun segundo orientador centros coma este, xa que en Lugo só temos dous orientadores no Feminino e no Muralla Romana.

Incidencias na cobertura de substitucións

Mentres o conselleiro presume de que o curso arrinca con máis profesorado, a realidade é ben distinta: comeza con máis de 800 prazas sen cubrir, entre permisos, incapacidades temporais e medias xornadas, das cales 157 prazas son da provincia de Lugo. É dicir, en Lugo o curso comezou cunha falta de 157 docentes.

Por exemplo, no CEIP Rosalía de Castro de Bóveda solicitaron o 1 de setembro a cobertura dunha praza de música. Porén, o 8 de setembro, día no que comezou o curso, a vacante aínda non fora adxudicada, polo que empezaron o curso cun docente menos. Isto obrigou ao centro a reestruturar horarios e facer o imposible para iniciar as clases con certa normalidade, unha tarefa especialmente complexa tratándose dun centro pequeno, no que a ausencia dun só docente ten un impacto moi grande na organización e na atención ao alumnado.

Ademais, este ano produciuse un aumento desproporcionado das vacantes de substitución a media xornada na provincia de Lugo. Para que se vexa a gravidade da situación:

  • Na provincia da Coruña houbo 45 vacantes a media xornada.
  • Na provincia de Lugo, con moitos menos centros, rexistráronse 43 vacantes a media xornada.

Ademais, atopamos datos especialmente chamativos e escandalosos:

  • 10 vacantes a media xornada no IES Sanxillao.
  • 8 no IES Lama das Quendas.
  • 6 no IES Muralla Romana.
  • 5 no IES O Feminino.

Estes números evidencian unha política de recortes encubertos, que fragmenta prazas e precariza as condicións laborais do profesorado ao tempo que dificulta a organización dos centros.

Peche de centros educativos

O pasado 25 de agosto publicouse no DOG unha modificación do catálogo dos centros de Primaria na que se recolle o peche de 7 centros educativos en Galicia, un deles na nosa provincia: o CEIP de Negueira de Muñiz.

Con decisións como esta a Consellaría pensa unicamente en aforrar cartos, sen ter en conta que o alumnado do rural tamén merece as mesmas condicións para formarse que o alumnado das cidades.

No caso de Negueira de Muñiz, os nenos e nenas deberán desprazarse ata a Fonsagrada, o que supón máis de unha hora viaxe diaria desde as súas casas. Isto é un auténtico atentado contra a igualdade de oportunidades e unha mostra máis da falta de compromiso coa educación pública no rural.

Obras en centros de ensino

O IES Lucus Augusti atópase en plena obra que afecta a todo o edificio, o que dificulta enormemente o desenvolvemento normal da actividade docente e a organización do inicio de curso.

No CEIP As Mercedes a situación foi tan grave que non todo o alumnado puido comezar as clases o luns 8 de setembro. Algúns grupos de Primaria tiveron que iniciar máis tarde debido á falta de condicións para abrir con normalidade.

Con todo isto queremos evidenciar que os recortes en profesorado e a improvisación da Consellaría están a prexudicar a organización dos centros e, sobre todo, o dereito do alumnado a unha educación pública de calidade.

Por todo isto e porque as condicións laborais dos docentes nos últimos anos non fixo máis que empeorar, porque a burocracia que soportamos os docentes é cada vez maior, porque a privatización do ensino público é cada vez maior, sobre todo na FP, porque somos os docentes de todo o estado con máis horario lectivo nos corpos de secundaria e por outros moitos motivos que a nosa secretaria nacional, Laura Arroxo, explicou nunha rolda de prensa que ofreceu en Compostela o primeiro día deste curso é polo que a CiG-Ensino convoca unha manifestación en Compostela o vindeiro 13 de setembro á que convidamos a toda a comunidade educativa, e unha folga xeral no ensino o 25 de setembro para mellorar as condicións laborais dos docentes. Se a Consellaría non rectifica e non comeza dunha vez por todas a valorizar como se debe o noso traballo docente, en outubro, en novembro e ata cando faga falta aumentaremos as mobilizacións ata conseguir o noso obxectivo.

Volver