Orzamentos 2016: o profesorado continúa cos salarios e coas pagas extras recortadas
A CIG-Ensino exixe que nos orzamentos da Xunta para o ano 2016 se restitúan os salarios e os dereitos arrebatados ao profesorado
Máis unha vez constatamos a nula vontade negociadora da Xunta de Galiza, que non atendeu ningunha das demandas da CIG e que acudiu á reunión sen nos ter previamente remitido ningunha documentación, limitándose exclusivamente a relatar unha serie de datos referidos ao Capítulo I dos orzamentos e a escoitar as nosas intervencións. Negouse a restabelecer o dereito do profesorado substituto con 5 meses e medio traballados a cobrar os meses do verán e a reducir a carga lectiva do profesorado, acrecentada unilateralmente. Nin sequera se amosaron receptivos a pagar, despois de que a CIG tivese gañadas diferentes sentenzas, a parte proporcional devindicada do complemento específico da paga de xuño do ano 2013.
É inadmisíbel e inxustificábel que nin sequera se estabeleza un horizonte para recuperar as pagas extras completas e para restituír os salarios que tiñamos no 2010, máxime se temos en conta que o profesorado galego tivo unha perda acumulada desde ese ano que vai desde os 24.000 euros aos 42.000 euros.
O Goberno galego soamente contempla a suba do 1% dos nosos salarios para os orzamentos do ano 2016. Seguiremos, por tanto, cos salarios recortados, as pagas extras reducidas e cos descontos nos salarios por enfermar.
A oferta de emprego para o ano 2016 só repoñerá o 100% dos efectivos. Oferta insuficiente se temos en conta a cativa oferta dos últimos anos, a necesidade de profesorado nos centros, o alto número de docentes xubilados nos últimos anos e a supresión de máis de 3000 profesores e profesoras.
As pagas extras do ano 2016 continuarán reducidas ao non contemplaren o pagamento do complemento específico e tamén ao seguiren reducindo nun 30% o compoñente do salario base nas extras.
No ano 2016, aboarásenos o 49.73% do que se nos debe da paga do ano 2012.
A CIG-Ensino continuará reclamando as propostas que defendemos na Mesa Xeral e en toda a tramitación dos orzamentos, entre as cales están:
- O restabelecemento dos salarios que nos reduciron desde o ano 2010.
- A restitución das pagas extras ao completo.
- A oferta de emprego ampla que satisfaga as demandas de profesorado nos centros.
- A dotación de administrativos en todos os centros e ampliación onde sexa necesario.
- A restitución da carga horaria do profesorado (18 períodos lectivos como máximo en secundaria e 21 en primaria).
- O cobro do 100% do salario en situación de baixa laboral.
- A substitución de todas as baixas do profesorado desde o primeiro día.
- O cobro dos meses de verán para o profesorado substituto con 5 meses e medio traballados.
- A negociación dun acordo retributivo para o profesorado galego.