Oposicións docentes 2025: non se creará ningún novo posto de traballo

A Xunta mantén os seus esforzos por vender como un éxito cumprir a taxa de reposición mentres renuncia a dar a batalla por ampliar os cadros de persoal

A Xunta de Galiza vén de anunciar a convocatoria de 1434 prazas nas oposición de ingreso nos corpos docentes para este ano 2025. A esa cifra súmanse 230 prazas de promoción interna, das que 10 son para a inspección educativa e 220 para o corpo de PES.

A medida adóptase sen previa negociación coas organizacións sindicais e sen que se nos teña entregado un informe das prazas estruturais (aquelas que serían susceptíbeis de seren ofertadas nunhas oposicións), tal e como se comprometera a propia Consellaría.

A oferta deste ano é inferior ao do curso pasado, malia seren maiores as necesidades de docentes. Se no 2024 se ofertaron 1512 prazas libres agora a oferta redúcese en 78 prazas, mentres que as prazas de promoción interna mantéñense practicamente igual (foron 231 no 2024).

Máis alá de constatar o baixo nivel democrático do goberno galego e a falta total de respecto pola negociación (algo do que fai gala habitualmente o goberno Rueda) a CIG-Ensino quere achegar unha primeira valoración para desmontar as mentiras e as trampas que implica vender estas oposicións como algo excepcional e como foco de creación de emprego, ao tempo que se seguen sumando, ano tras ano, cifras falsas nos efectos das prazas ofertadas.

Non se crea emprego. A Xunta limítase a aplicar o cumprimento da lei de orzamentos estatal, prorrogada para este ano, aplicando unha taxa de reposición do 120% sobre a cifra de profesorado xubilado ou falecido. Significa isto que aumenta o profesorado? Nin moito menos. A normativa sobre as ofertas de emprego limita taxativamente desde hai anos a creación de emprego, indicando que destas ofertas non se poderá derivar aumento sobre os efectivos actuais.

A suma das prazas ocupadas nestes anos é moi inferior ao que vende a Xunta. O goberno galego suma todas as prazas ofertadas como se todos os anos se cubrisen na súa totalidade. Nada máis lonxe da realidade, como evidencian os informes presentados pola CIG-Ensino, sen ir máis lonxe no pasado mes de xullo. Vexamos a trampa:

  • A Xunta computa as prazas que quedaron desertas nas oposicións de ingreso (acceso libre): un 12% nas oposicións do 2024.
  • A Xunta computa as prazas de promoción interna que, na súa inmensa maioría, quedan desertas ano tras ano, sen que muden a normativa para evitalo: o 82% nas oposicións do 2024.
  • A tendencia dos últimos anos leva a que queden desertas por volta do 20% do total das prazas das OPE. De se manter estas porcentaxes neste 2025, as prazas ocupadas quedarían reducidas a 1332.

A CIG-Ensino exixe un mínimo de rigor, transparencia e talante democrático do goberno Rueda e demanda que se entregue de inmediato, e con antelación suficiente á convocatoria da Mesa Sectorial, un estudo pormenorizado das prazas estruturais para determinar o reparto por especialidades docentes.

O sindicato maioritario denuncia novamente estar diante dunha negociación lastrada polo imperativo legal dunha taxa de reposición fixada polo goberno estatal que impide desde hai máis dunha década que as ofertas de emprego poidan ser usadas para o incremento de persoal docente que o sistema educativo galego precisa.

Volver