
Oitavo día de protesta polo despedimento dunha traballadora e polas irregularidades na Escola Infantil Merlín
As mobilizacións continuarán até conseguir unha solución negociada ou até que se traspase a empresa. Este xoves o persoal da escola estará no pleno municipal e o próximo levará a cabo unha manifestación polas rúas de Bertamiráns.
As traballadoras da Escola Infantil Merlín volveron concentrarse esta mañá diante das instalacións da empresa demandando a readmisión da compañeira Iria Moreiras, despedida en situación de incapacidade temporal en represalia por ir na candidatura da CIG nas eleccións sindicais. Representantes do sindicato insistiron en que nin os datos de matrícula nin os das contas económicas da entidade xustifican esta medida e anuncian novas accións de protesta.
Esta mañá levouse a cabo a oitava concentración diante das instalacións da escola desde que o sindicato foi coñecedor dos impagamentos e atrasos que sufrían as traballadoras e que nalgún caso chegaron a ser de máis de 3 meses. Alén disto, o empresario Carlos Porto Santoro, segue vulnerando a normativa laboral ao despedir a Iria Moreiras mentres está de baixa médica por un problema de saúde complexo. Todas estas irregularidades foron postas en coñecemento da inspección de traballo e da inspección educativa. Ademais de acudir á vía xudicial, a CIG-Ensino non abandona a vía da presión e o próximo xoves, 6 de marzo, ten convocada unha manifestación ás 19:30 horas con saída da escola, situada na Avenida da Mahía de Bertamiráns, até a Casa do Concello. Este xoves tamén se debaterá unha moción no pleno municipal na que se pretende recabar o apoio de todos os partidos políticos con representación no Concello para instar á empresa a unha solución.

Durante a concentración volveuse lembrar que a escola está integramente financiada pola Consellaría de Política Social con 190.000 euros ao ano e que o empresario se resiste a vendela ou a traspasala, malia as irregularidades manifestas na súa xestión. Así mesmo, négase rotundamente, despois de meses pedíndollo, a recibir á representación legal das traballadoras para buscar solucións a unha situación que é insostíbel para todas elas. Cómpre lembrar que os atrasos e impagamentos comezaron hai xa dous cursos e a situación de incerteza na que viven desde entón é angustiante.
A CIG-Ensino advirte de que a mala xestión dos propietarios está a repercutir directamente no servizo que se presta, que “foi en decadencia”, coa supresión da parella educativa coa que se contaba incialmente; ao non substituír o persoal traballador; co deterioro das instalacións; coa redución do horario de peche da escola, que pasou de estar aberta até as 20:30 horas a só estar aberta até as 17:30, deixando así a varias familias sen servizo. Isto, xunto con cambios constantes de persoal traballador debido á situación de continuos impagos "afecta negativamente á atención das crianzas malia a boa vontade das traballadoras e a súa profesionalidade”.