
Oferta de Emprego Público 2013
A CIG Ensino reclamou a convocatoria de prazas e todos os corpos e especialidades, nomeadamente en Educación Primaria
A CIG-Ensino lembrou que a día de hoxe o ensino en Galiza perdeu uns 3000 profesores e profesoras, polo que reclamou a convocatoria de oposición en todos os corpos e especialidades, nomeadamente en Educación Primaria.
A Consellaría incrementou a xornada de traballo, aumentou as rateos de alumnado por aula e disparou o número de agrupamentos, así este curso comezou con 113 unidades menos que agrupan alumnado de diferentes idades, niveis e cursos.
A CIG-Ensino criticou a oferta de 22 prazas para o corpo de inspectores de Educación.
Trátase dunha oferta desorbitada dentro da proposta presentada, pois representa o 25% das prazas existentes. Se este criterio se aplicase aos corpos docentes estariamos falando dunha convocatoria de máis de 7000 prazas. A Consellaría tivo que recoñecer que este número de prazas non obedece á aplicación da taxa de reposición senón ao uso da súa potestade á hora de administrar as prazas que se convocan, polo que a CIG-Enxino reclamou que estas 22 prazas se convocasen para outros corpos docentes onde son moito máis necesarias.
Realmente esta proposta dá moito que pensar, e tal e como manifestou a CIG-Ensino na Mesa Sectorial máis ben parece que o PP está a asegurar o traballo dos seus amigos e a crear unha administración útil aos seus obxectivos.
Fotografía da oferta de emprego público entregada na mesa sectorial
Nos últimos anos suprimíronse numerosas unidades e mesmo centros educativos (12 centros e 132 unidades menos entre o curso pasado e este). As amortizacións de prazas xeradas por xubilación cóntanse por miles, nos propios orzamentos deste ano 2013 se recolle a eliminación de 315 postos de traballo, despois de que este curso se iniciase con 199 postos de traballo suprimidos. E todos estes datos fan referencia ao inicio deste curso, soamente, lembraron os representantes da CIG-Ensino.
A CIG-Ensino xa manifestou no mes de setembro que estamos ante un verdadeiro ERE encuberto. E fronte a todo iso a Consellaría soamente convoca só 200 prazas de mestres e mestras e 22 de inspección educativa. Evidentemente estamos ante unha nova redución de profesorado.
A CIG-Ensino reclamou unha oferta pública de emprego que parta dunha negociación real e pensada para ter en Galiza o profesorado necesario para unha educación de calidade e fixo fincapé na necesidade de oferta de mestres e mestras de educación primaria, así como das outras especialidades e corpos.
Sistema de oposición
A CIG-Ensino reclamou da Consellaría que aclarase cal vai ser o sistema da convocatoria, respondendo estes que será a vixente, incluídos os temarios que datan de 1993.
Finalmente a CIG-Ensino adiantou que, se como di a Administración non vai haber oferta noutras comunidades, na negociación da convocatoria das oposicións propoñeremos que a proba de galego sexa eliminatoria para contrarrestar o efecto chamada que se poida producir sobre a convocatoria galega. A Consellaría manifestou que a convocatoria se negociará no menor tempo posíbel.