O VII Congreso da CIG-Ensino elixe a Xesús Bermello como novo secretario nacional

Secretaría nacional, Executiva federal e candidatura ao Consello foron referendadas por unanimidade

Xesús Bermello foi elixido este sábado novo secretario nacional da CIG-Ensino no seu VII Congreso, en substitución do histórico Anxo Louzao, por 144 votos, sen que se producira ningún voto nulo nin abstencións.

Unha xornada de avaliación do traballo feito e debate sobre as prioridades e retos futuros na que tamén se elixiu unha nova Executiva Federal e os membros da CIG-Ensino que representarán á federación no Consello Confederal.

Compoñen a nova Executiva federal, que obtivo os mesmos resultados, 114 votos a favor, 0 nulos e 0 abstencións:

  1. Xesús A. Bermello García
  2. Marta Ferreiro Fernández
  3. Xesús Fernández Rivas
  4. Ana Rodiño Domínguez
  5. Xesús Diz Romay
  6. Mª Xosé Rodríguez Martínez
  7. Diego Boquete Sánchez
  8. Xosé M. Nogueira Rodríguez
  9. Laura Arrojo Reguera
  10. Xosé Anxo Terán Comesaña
  11. Henrique García Vázquez
  12. Teresa Carballido Salgado

A candidatura presentada para o Consello Confederal tamén foi referendada por unanimidade. Deste xeito, representarán á federación neste organismo:

  1. Xesús Antón Bermello García
  2. Marta Ferreiro Fernández
  3. Xosé Saiáns Torrado
  4. María Xosé Rodríguez Martínez
  5. Diego Boquete Sánchez
  6. Divina Núñez López

No seu discurso de clausura, Xesús Bermello, comezou salientando o labor desenvolvido polos compañeiros e compañeiras que neste Congreso deixaron a Executiva da CIG-Ensino, Paula Bergantiños, Xosé Lois Rivera, Duarte Correa e Marta Dacosta e nomeadamente ao que foi durante os últimos 16 anos o seu secretario nacional: Anxo Louzao, do que dixo que  “é unha referencia dentro e fóra do sindicato e déixanos o seu maxisterio, o seu traballo infinito e o seu compromiso inquebrantábel”.

Bermello salientou ademais a súa “entrega absoluta” por un modelo sindical que, afirmou, “axudou, como ninguén, a modelar”. Por iso considerou que “é un dos imprescindíbeis” e lembrando a frase que Castelao deixou escrita no Sempre en Galiza: “O verdadeiro heroísmo consiste en trocar os anceios en realidades, as ideias en feitos”, asegurou que “retrata perfectamente a persoas que, como Anxo, practicaron toda a vida o heroísmo do traballo diario”.

Tampouco esqueceu aos compañeiros falecidos neste último ano, Xan Carlos González Basanta e Xulia Rodríguez Bravo

Bermello lembrou que os prognósticos da CIG respecto do camiño polo que iría o capitalismo e as consecuencias que isto tería para a clase traballadora, mesmo antes de que se iniciara a crise, foron lamentabelmente confirmados. Así denunciou que este sistema económico “empregou a crise, non como catarse, senón como purga dos dereitos conquistados ao longo de décadas” e asegurou que as pensións públicas, os dereitos laborais, os servizos públicos esenciais como a sanidade ou a educación, as políticas sociais, o control das propias finanzas de Estados xa sen soberanía económica, os salarios ou a estabilidade laboral, entre outros, foron “présas dun plan de desmantelamento dos denominados estados de benestar que nos achegaron novas realidades”.

Denunciou o recurso do medo para promover a desmobilización social e “a suplantación da contestación social polo veredicto das urnas, como se algunha vez na Historia, as clases populares avanzaran sen mobilizarse”.

Vasalaxe a Madrid

O secretario nacional da CIG-Ensino denunciou tamén o papel de “vasalo de baixo rango” do goberno do PP en Galiza, do que dixo que non ten “capacidade nin interese polo autogoberno” e só a intención de “ser disciplinado e obediente en todo o seu desgoberno e, por suposto, tamén no ámbito educativo”.

Unha disciplina que considerou que seguiu coa implantación da LOMCE, co mantemento da selección antidemocrática das direccións dos centros públicos, coa aplicación do que resta das reválidas, coa redución das horas de docencia da nosa lingua na ESO e a prohibición do seu uso en materias científicas. Mais tamén “por pasiva, permitindo o incumprimento da minguada lexislación de normalización no ámbito educativo ou no xeral, ou por perifrástica cando non dá feito a ampliar un pseudoplurilingüismo que restrinxe aínda máis a presenza do galego”, denunciou.

Resposta desde o sindicalismo nacionalista

Diante desta situación Xesús Bermello considerou que a única solución é garantir unha resposta “áxil, contundente, extensiva e aberta a todas as maiorías sociais que defenden os servizos públicos e os dereitos sociais, lingüísticos e nacionais” desde o sindicalismo transformador que representa a CIG, mais tamén desde a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público ou Queremos galego que “demostraron ser auténticas catalizadoras da contestación social contra todo tipo de recortes e involucións”.

Retratou o modelo educativo do PP, do que dixo que “responde a uns principios ideolóxicos incuestionábeis” como “un ensino confesional, antidemocrático, segregador, españolizador, recentralizador das competencias ou privatizador”. E para demostralo fixo un percorrido polos sucesivos recortes aplicados nos orzamentos destinados ao ensino público fronte o incremento dos destinados ao privado.

Galegofobia

Bermello non escatimou críticas á “galegofobia acentuada” do goberno do PP desde a chegada de Feijóo coa “intención clara de camiñar cara a residualidade do noso idioma”. Denunciou a perda de galegofalantes nos últimos anos e chamou a incrementar o activismo, sendo conscientes de que grazas á mobilización social e a voces e actitudes como as que a CIG-Ensino mantén é como podemos “facermos fronte ao batallón político e mediático contra a lingua galega”.

O recén elixido secretario nacional da CIG-Ensino alertou de que co Pacto Social pola Educación preténdese que a LOMCE “quede ben amarrada” e por iso augurou que “queda moito que pelexar”. Con todo considerou que “fomos e seremos quen” de enfrontar todos os retos que se presentan, “mantendo a liña de acción sindical referendada electoralmente e acompañada dese medre afiliativo necesario para garantir a nosa independencia sindical”.

Liñas de  traballo

De cara aos vindeiros catro anos, Bermello apuntou como obxectivos manter o combate contra a LOMCE e contra os intentos de maquillala; a defensa da normalización lingüística e galeguización do ensino, coa necesidade dun marco superador do decreto de plurilingüismo e a recuperación dos dereitos sociais, laborais, salariais e profesionais roubados ao profesorados.

Xunto a isto apuntou a necesidade de reforzar a estrutura de delegados e delegadas no ensino público como principal activo, así como o mantemento e posta ao día dos métodos de traballo e a súa mellora cando for preciso, incidindo na formación de novos cadros sindicais.

En todo caso garantiu que a CIG-Ensino continuará co seu contributo para a transformación social do noso país e na defensa “sen ambigüidades” dun sistema educativo público, gratuíto, galego e en galego, laico, antipatriarcal, coeducativo e profundamente democrático.

A CIG-Ensino, primeira en capacidade mobilizadora, en afiliación e en representatividade no ensino público universitario e non universitario

O VII Congreso da CIG-Ensino deu comezo contra as 10:30 horas. Tras aprobarse por unanimidade o Regulamento foi o aínda secretario nacional, Anxo Louzao, o encargado de defender o Informe de Xestión da Executiva, onde se constata o inxente traballo desenvolvido nos últimos catro anos.

Un período no que a federación conseguiu ampliar a afiliación nun 6% e incrementar a representación tanto no ensino público como no privado, situándose como central sindical maioritaria no ensino público non universitario, onde ten o 46% de representación, case a maioría absoluta, como primeira no ensino universitario, aumentando tamén a súa representación no ensino privado.

Louzao salientou a enorme  actividade desenvolvida por mor do endurecemento das políticas neoliberais, con recortes de dereitos sociais, laborais e liberdades democráticas e, sobre todo, pola imposición da LOMCE, a marxinación da nosa lingua e a privatización do ensino público, mentres se derivaban miles de millóns de euros ao privado concertado.

Lembrou que durante estes anos foron constantes as denuncias do “seguidismo total e absoluto de Madrid” da consellaría de Educación que se “desentendeu do sistema educativo galego” e a súa “actitude antidemocrática, autoritaria e caciquil”.

Subliñou a resposta sindical permanente que se deu desde a CIG-Ensino a estes ataques, con múltiples mobilizacións contra “estas políticas nocivas para o ensino público”; contra a privatización do ensino; contra a aplicación da LOMCE, coa convocatoria e participación en nove folgas e mobilizacións no ensino, a recollida de máis de 20.000 sinaturas contra esta lei e o boicot ás reválidas desde a PGDEP.

Nestes catro anos tamén se desenvolveron campañas e mobilizacións en demanda da recuperación dos dereitos arrebatados ao profesorado, nomeadamente contra o incremento da carga horaria lectiva, a redución salarial e das pagas extras e mesmo chegou a presentarse unha ILP neste sentido co respaldo de máis de 23.000 sinaturas.

Tal e como lembrou Anxo Louzao, a CIG-Ensino tamén exixiu, de forma constante máis dotación de profesorado nos centros e a redución das ratios; combateu os concertos educativos cos centros que segregan por razón de xénero, conseguindo que o propio Tribunal Supremo contra a concesión dos concertos con este tipo de centros ás que se lle quixo dar validez coa LOMCE e conseguiu tamén que se lle recoñecera ao profesorado o dereito a ter un recoñecemento médico anual.

Durante este período a CIG-Ensino reclamou ademais máis orzamentos para o ensino público, desenvolveu unha campaña de valoración do labor docente, coa recollida de máis de 9.000 sinaturas, e a celebración de máis de 1.000 asembleas. Demandou o dereito a usar audiovisuais como material docente e combateu, de todos os xeitos posíbeis, as agresións contra o noso idioma, que ten agora menos presenza aínda que cando se impuxo o Decreto de Plurilingüismo.

Retos inmediatos

O VII Congreso tamén definiu as liñas de  traballo a seguir para acadar os obxectivos que se marca a CIG-Ensino para os vindeiros catro anos, nomeadamente conseguir a restitución dos dereitos arrebatados ao profesorado; un novo marco para a lingua galega, cun modelo de inmersión lingüística no ensino que posibilite que a nosa lingua sexa vehicular no sistema educativo; unha Lei Galega de Educación; que se aprobe o Estatuto Galego do Profesorado e pular por un novo marco xurídico e político para termos un sistema educativo de noso, entre outros.

Volver