
O TSXG desestima o recurso da Xunta contra a sentenza que recoñece a un interino unha indemnización por cese de 44.000 euros
Os servizos xurídicos do sindicato conseguiran que após 30 anos traballando para a Consellaría de Educación e quedar no desemprego tras o concurso de méritos se lle aboase unha indemnización de 20 días por ano traballado
A demanda fora presentada no tribunal contencioso-administrativo de Pontevedra e a sentenza foi pioneira no seu día. Agora o TSXG non admitiu o recurso da Xunta, polo que só cabe recurso de casación. Porén son dúas xa as instancias xudiciais que lle dan a razón a este docente interino defendido polo sindicato.
A xustiza volve reafirmarse por segunda vez nun caso no que se rompeu co proceder previo doutros tribunais. Trátase dun docente interino que tras os procedementos de estabilización realizados ao abeiro da Lei 20/2021 de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público foi cesado e non tivo un nomeamento inmediato no curso posterior. Dado que levaba prestados 30 anos de servizo ininterrompidos para a administración reclamou unha indemnización por cese que lle contara esta antigüidade e non só o último ano que era o que lle quería recoñecer a Consellaría de Educación (e que derivaban en só 20 días de salario). Un xulgado do contencioso administrativo de Pontevedra fallou ao seu favor recoñecéndolle unha indemnización dun máximo de 20 días por ano, cun máximo de 12 mensualidades, o que eleva a contía a 44.713€.
A Xunta presentou recurso ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza que vén de comunicar que non o estima polo que só cabe recurso de casación. Aínda que é preciso ter cautela porque o procedemento non rematou semella que despois desta decisión a sentenza poderá declararse firme e terá implicacións ante posíbeis futuras reclamacións de indemnizacións por cese de persoal interino que dun curso para outro non obteña destino: cumprindo coa obriga de participar na petición de destinos e existindo unha continuidade no tempo como profesorado interino superior aos 3 anos que fixa a Lei 20/2021, debería recoñecerse o dereito a indemnización que contempla esta norma.

O principal atranco de cara ao futuro recoñecemento de indemnizacións como a que se aplica nesta sentenza estará, aínda que pareza incríbel, nun pacto sindical. Na última modificación do acordo de persoal interino, coa posición contraria do sindicato maioritario (CIG-Ensino) e coa complicidade habitual do resto dos sindicatos da Mesa Sectorial (a minoría sindical conformada por CCOO, ANPE e UGT), a Consellaría incorporou unha cláusula que consideramos ilegal. Literalmente dise que “a indemnización prevista no artigo 24.4 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, non será de aplicación aos nomeamentos ou cesamentos na cobertura de prazas non estruturais”. Isto quere dicir que a Consellaría buscará evitar o pago de indemnizacións en función dunha premisa que non é de libre decisión para o persoal interino: saber se a praza que ocupa cada ano é unha praza estrutural ou non. Como xa advertimos na negociación non só consideramos esa cláusula abertamente ilegal senón tamén unha vergoña que contara co respaldo sindical que obtivo.
Tanto desde a perspectiva dos dereitos individuais do profesorado interino, como desde unha correcta xestión das contas públicas, a alternativa pasa por asumir un compromiso de estabilidade para o profesorado interino de longa duración. Esa proposta foi, por enésima vez, posta enriba da mesa pola CIG-Ensino na última modificación do acordo de persoal interino, contando novamente co rexeitamento da Consellaría e dos sindicatos que manteñen o seu apoio a ese acordo nos termos actuais.
Novas relacionadas