O Tribunal Supremo recoñece o dereito á suba salarial para o persoal empregado público dos anos 2022 e 2023 a tres colectivos da UVigo
A CIG gaña de novo nos xulgados un conflito presentado contra a Universidade de Vigo relativo desta vez á suba salarial anual que se lle negou ao PDI con contratos predoutorais, postdoutorais ou para proxectos de investigación.
Este auto garante que todas as subas aprobadas nos Orzamentos Xerais do Estado no futuro se teñan que aplicar de forma automática, eliminando esta discriminación por parte das universidades galegas. Así, o montante total ascende a un 9,8% desde 2022 a 2024, ao que haberá que engadirllle o 2,5% de 2025 e o 1,5% de 2026.
Unha vez máis a Universidade de Vigo prolonga un conflito no tempo ao presentar un recurso de casación no ano 2023 que nos levou a esperar dous anos máis polo resultado dunha sentenza que xa a CIG gañara na sala do Social do TSXG e que agora vén de confirmarse.
Ningunha das tres universidades galegas recoñeceu o dereito a que os colectivos predoutorais, postdoutorais e contratados para proxectos de investigación cobraran o incremento anual para os empregados e empregadas públicos aprobado para 2022 e 2023, motivo polo que a CIG promoveu tres demandas contra a UDC, a USC e a UVigo.
Rachouse coa discriminación existente e a suba é para todo o persoal
O Tribunal Supremo vén de ratificar a sentenza do conflito colectivo presentado pola CIG, no que o sindicato maioritario nas universidades galegas buscaba o recoñecemento legal da aplicación das correspondentes subas salariais que todos os empregados e empregadas públicas, como é o caso do PDI, tiveron eses dous anos.
A sentenza non deixa lugar a dúbidas e afirma expresamente:
- Que a decisión da UNIVERSIDAD DE VIGO de non aboar os incrementos retributivos, dispostos na normativa estatal dos anos 2022 e 2023 ao persoal docente e investigador en formación con contratos predoutorais, ao persoal con contratos posdoutorais e ao conxunto do persoal contratado con cargo a proxectos de investigación é contraria a dereito, discriminatoria e, por tanto, nula.
- Que todo este persoal ten dereito a ver acrecentadas as súas retribucións do ano 2022 no 1,5% e as do ano 2023 no 2,5%.
A propia universidade presentou unha aclaración ao tribunal, que foi admitida, na que se afirmaba que a suba si foi efectivizada no caso do PDI predoutoral en formación, desta forma este colectivo xa non estaría afectado por esta sentenza por serlle recoñecido o dereito no seu momento.
A suba salarial na USC e na UDC
En canto á USC aínda está pendente de que resolva o Tribunal Supremo o mesmo caso, logo de presentar o sindicato un recurso de casación por ter perdido a sentenza no TSXG.
Na UDC xa en setembro de 2024 se chegou a un acordo para facer os pagamentos a estes colectivos e non ter que ir ao xulgado, tal e como se informou na nosa web.
Un paso máis na loita contra a precariedade
En definitiva, o TSXG acolleu totalmente a defensa exercida pola CIG e considera que a relación laboral existente entre o persoal investigador coa Universidade é a que a obriga a aplicar a suba salarial, con independencia da procedencia do financiamento.
No futuro aplicaranse automaticamente todas as subas que se fixen nos Orzamentos Xerais do Estado, eliminado definitivamente unha discriminación que nunca se debería ter producido.
Desde a CIG daranse os pasos necesarios para intentar chegar a un acordo coa UVigo para facer os pagamentos ao persoal afectado na maior brevidade posible e, por outra, banda presentaranse as pertinentes denuncias nas Inspeccións de Traballo e na Seguridade Social solicitando que acorden a actualización das bases de cotización de todo o persoal afectado pola sentenza e que liquiden á Universidade de Vigo as diferenzas de cotización.

