O Tribunal Supremo confirma tamén na USC a ilegalidade do desconto da cota patronal ao persoal Margarita Salas e María Zambrano

O conflito colectivo gañado de novo pola CIG-Ensino no TSXG é agora firme, polo que o sindicato reclama á USC que proceda a pagar de oficio as contías ilegalmente descontadas ao persoal afectado.

A Sala do Social do Tribunal Supremo (TS) vén de desestimar o recurso de casación presentado pola Universidade de Santiago de Compostela contra a sentenza do TSXG que lle daba a razón á CIG-Ensino no conflito colectivo presentado contra a práctica de descontar a cota patronal do total das axudas que debía percibir o persoal investigador seleccionado ao abeiro de dúas convocatorias específicas promovidas polo Ministerio de Universidades: a contratación de novas doutoras e doutores (coa modalidade denominada Margarita Salas) e a atracción de talento internacional (coa modalidade María Zambrano).
O final do proceso xudicial é claro: vulnerouse a legalidade, como denunciou a CIG

A sentenza do Supremo dá por boa na súa integridade a sentenza do TSXG, na liña da demanda da CIG-Ensino. Estas son as conclusións que agora se confirman: 

  • Declara nula a práctica da USC de detraer da contía das subvencións recibidas ao abeiro do RD 289/2021 do 20 de abril, o importe da cota patronal da Seguridade Social para determinar deste xeito o soldo a pagar ao persoal contratado nestas modalidades.
  • Declara que as traballadoras e traballadores, con contratos laborais afectados polo conflito colectivo, teñen dereito a percibir cando menos como salario as contías que figuraban no Real Decreto mencionado, tanto nas axudas Margaritas Salas (3.500€ brutos mensuais para quen realicen estadía no estranxeiro e de 2.800€ brutos mensuais para quen o faga dentro do estado) como nas axudas María Zambrano (4.000€ brutos mensuais).
Persoal afectado

O persoal investigador da USC afectado pola sentenza gañada pola CIG-Ensino ascende a 65 persoas: 50 do programa Margarita Salas e 15 do programa María Zambrano.

A CIG-Ensino procederá agora tal e como fixo logo de ter gañado o mesmo conflito colectivo na UDC e na UVigo recentemente.

Rexistrouse unha solicitude de reunión xunto coa reclamación perante o reitor da USC para que faga efectivo o pagamento desas contías a todo o persoal afectado, evitando que teñan que facer reclamacións individuais. Agárdase poder ter un proceso de negociación como aconteceu coa UDC onde se chegou a un acordo coa CIG-Ensino para pagar a todo o persoal, con independencia de que estivesen en activo como se xa remataran contrato. 

As tres universidades galegas perden o conflito colectivo 

Primeiro foi a UDC cando en abril de 2024, logo de que a CIG gañase a sentenza na que presentou o conflito colectivo, tivo que facer fronte ao pagamento das contías descontadas indebidamente ao persoal afectado. Daquela a UDC desbotou a posibilidade de presentar recurso de casación e continuar coa vía xudicial e optou por chegar a un acordo co sindicato para facer efectivos os pagamentos. Este acordo recolleu os aspectos fundamentais para a CIG: non excluír a ninguén do cobro e percibir todos os atrasos vinculados coa sentenza no menor prazo posíbel. 

No caso da UVigo era setembro de 2023 cando perde a mesma sentenza e decide presentar un recurso de casación que se resolve dous anos despois. Neste setembro gañamos de novo ese recurso no Tribunal Supremo. Por parte desta universidade convocouse unha reunión coas persoas afectadas na que a CIG estaba presente e aínda que non se concretou, como pedimos, unha data de pagos si se comprometeron a pagar.

Logo de termos unha asemblea coa práctica totalidade dos Margarita Salas e María Zambrano da UVigo, sabemos que neste momento xa están entregadas a maioría das reclamacións a nivel individual.

Desde a CIG, solicitamos tamén ás inspeccións de traballo provinciais que realizasen as actuacións oportunas neste caso e xa temos resposta de que se iniciou un procedemento administrativo sancionador e conseguimos a interrupción da prescrición de posíbeis prazos. 

Agora que a USC vén de perder tamén, logo do recurso de casación no Tribunal Supremo, agardamos que na maior brevidade posíbel teñamos a planificación de como se vai proceder ao pagamento do persoal Margarita Salas e María Zambrano poñendo fin a unha situación que nunca se debería ter producido.

Volver