
O Tribunal Supremo confirma a ilegalidade do desconto da cota patronal na UVigo ao persoal investigador Margarita Salas e María Zambrano
O conflito colectivo gañado pola CIG-Ensino no TSXG é agora firme, polo que o sindicato reclama á UVigo que proceda a pagar de oficio as contías ilegalmente descontadas ao persoal afectado
A sala do Social do Tribunal Supremo (TS) vén de desestimar o recuso de casación presentado pola Universidade de Vigo contra a sentenza do TSXG na que estimaba o conflito colectivo presentado pola CIG-Ensino contra a UVigo pola práctica desta universidade de descontar a cota patronal do total das axudas que debía percibir o persoal investigador seleccionado ao abeiro de dúas axudas específicas promovidas polo Ministerio de Universidades: a contratación de novas doutoras e doutores (coa modalidade denominada Margarita Salas) e a atracción de talento internacional (coa modalidade María Zambrano).
O final do proceso xudicial é claro: vulnerouse a legalidade, como denunciou a CIG
A sentenza do TS dá por boa na súa integridade a sentenza do TSXG, na liña da demanda da CIG-Ensino. Estas son as conclusións que agora se confirman:
- Declara nula la práctica da UVigo de detraer do importe das axudas Margarita Salas e María Zambrano la cota empresarial á Seguridade Social, para determinar dese xeito o salario a aboar ao persoal contratado. A UVigo descontou o 26% do salario que debía percibir este persoal, cando esa cotización lle correspondía á propia universidade.
- Declara que as traballadoras e traballadores, con contratos laborais afectados polo conflito colectivo, teñen dereito a percibir cando menos como salario as contías que figuran no RD 289/2021 tanto nas axudas Margaritas Salas (3.500€ brutos mensuais para quen realicen estancia no estranxeiro e de 2.800€ brutos mensuais para quen o faga dentro do estado)como nas axudas María Zambrano (4.000€ brutos mensuais).
Persoal afectado
O persoal investigador da UVigo afectado pola sentenza gañada pola CIG-Ensino ascende a 38 persoas: 30 do programa Margarita Salas e 8 do programa María Zambrano.
A CIG-Ensino vén de presentar unha reclamación perante o reitor da UVigo para que faga efectivo o pagamento desas contías a todo o persoal afectado, evitando que teñan que facer reclamacións individuais. Agardemos que así o faga a UVigo, como aconteceu coa UDC onde se chegou a un acordo coa CIG-Ensino para pagar a todo o persoal, con independencia de que estivesen en activo como se xa remataran contrato.
O colectivo da USC, pendente dun fallo idéntico do Tribunal Supremo
Unha vez coñecida a posición do TS, só resta agardar a que se dite unha sentenza do mesmo teor no caso da Universidade de Santiago de Compostela. Cabe lembrar que as denuncias da CIG-Ensino polo desconto ilegal a cota patronal do persoal Margarita Salas e María Zambrano foron contra as tres universidades galegas e que só os distintos tempos da administración de xustiza están a provocar retrasos no final do proceso. Este, en todo caso, xa ten o final despexado e claro: igual que as 33 persoas afectadas na UDC e agora as 38 da UVigo, a USC deberá pagar no seu momento as contías da cota patronal ás 65 persoas á quen lla descontou, poñendo fin a unha situación que nunca se debería ter producido.