
O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza confirman en dúas novas sentenzas o despedimento nulo de dúas profesoras CELGA defendidas pola CIG-Ensino
A CIG-Ensino exíxelle ao conselleiro que readmita o profesorado despois de gañarse 28 sentenzas nos xulgados do social de Galiza e 4 sentenzas no TSXG
En todas as sentenzas o TSXG confirma a existencia de represalias e di textualmente “a Xunta de Galiza decidiu precisamente cambiar o sistema de cursos de CELGA no momento en que as reclamacións de laboralidade dos profesores CELGA estaban empezando a colleitar éxito. E decidiu cambialo, precisamente, para deixar fóra aquel profesorado CELGA que se vían beneficiados pola denuncia sindical”.
O TSXG falla desestimando o recurso de suplicación formulado pola Xunta e confirmando as sentenzas de instancia que condenan á Consellaría de Educación a readmitir ás traballadoras no seu posto de traballo coa condición de indefinida descontinua, categoría de titulada superior e a pagarlle so salarios de tramitación o que lle corresponderían de terse efectuado o chamamento para impartir os cursos e ou avaliacións desde xaneiro de 2014 até a data de finalización dos mesmos.
O secretario nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao, afirma que “é preocupante que o novo conselleiro persista na actitude represiva e de desobediencia aos tribunais de xustiza que están confirmando a relación laboral deste colectivo, a actuación ilegal da Consellaría de Educación e o comportamento represivo da mesma. A CIG-Ensino exíxelle á Consellaría que cese na súa actitude e que aplique a sentenza e restitúa a todo o profesorado CELGA os seus dereitos e o readmita por impartir cursos CELGA”.