
O rexeitamento ás reválidas non decae despois de 5 anos
O boicot supera de novo o 80% nos centros públicos galegos
A CIG Ensino como parte da Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público de Galiza (PGDEP) que convocou un anos máis o boicot ás reválidas dá os parabéns as familias que fixeron un esforzo de conciliación e non enviaron masivamente hoxe aos centros ao alumnado. Así mesmo, tamén agradece o apoio do profesorado e dos equipos directivos durante este boicot informando a comunidade educativa fronte á campaña de desmobilización da Consellaría de Educación.
Despois de cinco anos o rexeitamento á LOMCE e en concreto ás reválidas incluídas nesta lei volve ser practicamente unánime, aumentando o boicot a cifras superiores ao 80% de absentismo nestas probas, e moitas das familias que mandaron ás súas crianzas no día de hoxe foi pola imposibilidade de conciliar.
A comunidade educativa galega continúa sendo a avanzadilla contra esta norma.
O mantemento das reválidas por parte da Xunta de Galiza supón un gasto económico absolutamente innecesario que só beneficia a algunha empresa privada e para nada redunda nun beneficio para o sistema educativo galego, como si serían outras medidas como a recuperación do noso horario lectivo, ou a dotación de maior número de profesorado nos centros galegos para atender as necesidades educativas do noso alumnado.