O profesorado permanente e contratado doutor da UDC cobrará o complemento do IPC galego desde maio

O acordo é froito da iniciativa da CIG-Ensino que impulsou unha solicitude do Comité de Empresa por incumprimento do Convenio Colectivo do PDI laboral

Todo o profesorado permanente laboral (PPL) e contratado doutor (PCD) da Universidade da Coruña percibirá un incremento na súa nómina do mes de maio vinculado co concepto de “IPC galego” e que na actualidade só cobraba o PDI funcionario.

O 31 de marzo de 2025, desde a presidencia do Comité de Empresa do PDI Laboral e por iniciativa da CIG-Ensino, rexistrouse unha solicitude para que se recoñecese o dereito a dito complemento para os actuais Contratados Doutores e Permanentes Laborais, con base no incumprimento do artigo 4º do Convenio Colectivo das tres universidades públicas galegas. Nese artigo indícase expresamente que as retribucións do profesorado contratado doutor serán as mesmas que as do profesorado titular de universidade, algo que non se estaba a cumprir na UDC a diferenza das outras universidades.

O pasado 20 de abril asinouse finalmente un acordo entre a Vicerreitoría de profesorado e a presidencia do Comité de Empresa do PDI Laboral polo que se puxo fin a esta discriminación. Neste acordo recóllese o seguinte:

  • A UDC recoñece o dereito do PPL e PCD ao cobro dun incremento do 0,3784% (a porcentaxe aprobada como “IPC galego” na Lei 2/1992) a partir da nómina de maio de 2026.
  • A UDC recoñece o dereito a cobrar os atrasos desa suba desde o mes de abril de 2024 (efecto retroactivo máximo de un ano desde a presentación dunha solicitude recoñecido polo dereito laboral). Estes atrasos pagaranse antes de finalizar o mes de xullo de 2026.

A CIG-Ensino congratúlase deste acordo que pon fin a unha vella discriminación existente entre o PDI laboral e funcionario no seo da propia UDC e destas figuras docentes da Universidade da Coruña coas homónimas do resto do SUG.

Ao tempo, o sindicato reitéralle á Universidade da Coruña que asuma o  pago do complemento do IPC galego para todo o resto do persoal da Universidade que por convenio non o ten recoñecido, entendendo que non ten sentido que siga excluído do seu cobro e considerando que os conceptos de carácter xeral das retribucións, como o é neste caso, deben ser percibidos por igual.

Diferenzas no cobro dos complementos autonómicos

Por outro lado, desde a representación da CIG-Ensino do PDI na UDC detectáronse diferenzas entre as contías que se percibe nos diferentes complementos autonómicos nesta universidade ao respecto da USC e da UVigo.

Para o persoal docente e investigador, tanto funcionario como laboral, das tres universidades galegas con dereito a percibir estes complementos autonómicos (docente, investigador, de excelencia curricular e de xestión) non poden existir diferenzas e as contías deben ser idénticas, con independencia da universidade na que traballe. Isto non é así na actualidade, tal e como se pode apreciar no cadro anexo no que figuran, actualizadas a 2026, as contías que se perciben en cada universidade.

Por iniciativa da CIG-Ensino, e co acordo dos demais sindicatos, a presidenta da Xunta de Persoal do PDI funcionario e o presidente do Comité de Empresa do PDI Laboral, ambos tamén representantes da CIG, remitiron un escrito á Xerencia da UDC no que se sinala esta situación de desigualdade económica, se insta á UDC a que dea explicacións sobre esta situación e que se repare a discriminación existente.

Universidade

Complemento Docente

Complemento Investigación

Complemento Excelencia Curricular

Complemento Xestión

UDC

€ 92,18

€ 82,96

€ 36,86

€ 22,11

USC

€ 99,01

€ 89,11

€ 39,61

€ 23,77

UVigo

€ 99,02

€ 89,13

€ 39,62

€ 23,77 

Volver