O profesorado interino e substituto contaxiado ou en corentena pola COVID-19 tomará posesión sen perda retributiva nin de cotización

Así o vén de confirmar a Consellaría de Educación en resposta a un escrito remitido pola CIG-Ensino no que se solicitaba evitar calquera discriminación ao colectivo no inicio dos seus contratos

A Subdirección Xeral de Centros e Recursos Humanos vén de anunciar no día de hoxe, 4 de setembro, que todo o profesorado interino ou substituto que no momento de tomar posesión dun destino adxudicado se encontre imposibilitado para acceder a ese posto por unha situación derivada da pandemia, como é o caso dun contaxio ou da obriga de gardar corentena por ter estado en contacto directo con persoa positiva na COVID-19, tomará igualmente posesión dese posto de traballo e non sufrirá, por tanto, discriminación ao respecto do funcionariado de carreira.

A resposta da Consellaría ten lugar logo da solicitude remitida pola CIG-Ensino o día 2 de setembro. O actual texto que regula as condicións de acceso á docencia do persoal interino e substituto indica no punto 16.3 que “a aquelas persoas que non poidan tomar posesión por encontrarse de baixa por enfermidade reservaráselles o posto ata que se encontren en situación de alta, e nomearase mentres outro profesor substituto”. Durante ese tempo o persoal afectado non percibe retribucións nin o tempo computa a efectos de antigüidade. Con independencia do noso desacordo con esta norma de carácter xeral, a incidencia da pandemia vai provocar de certo moitas situacións de contaxios ou corentenas que poden coincidir cunha toma de posesión ou inicio de contrato e, para a CIG-Ensino, non proceder a causar alta a todos os efectos (retributivos e de cotización) sería unha clara discriminación.

No escrito a CIG-Ensino tamén solicitaba que, no caso de que se aceptase a nosa petición, se ditaran instrucións para que o profesorado interino e substituto soubese como proceder. Na resposta a Consellaría así o indica:

  1. O persoal que sexa nomeado interino ou substituto e estea afectado pola COVID-19 ou estea en corentena por ter contacto directo con persoa positiva na COVID-19, deberá comunicalo no momento do chamamento.
  2. Estas persoas considerarase que toman posesión e remitirán a documentación pertinente á xefatura territorial correspondente e deberá xestionar a correspondente incapacidade temporal, de conformidade co establecido no artigo quinto do Real Decreto-Lei 6/2020, 10 de marzo, polo que se adoptan determinadas medidas urxentes no ámbito económico e para a protección da saúde pública.
  3. A Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos procederá á cobertura automática das vacantes xeradas por estas incapacidades temporais polo tempo que dure a substitución ou ata que remate a incapacidade temporal.
  4. A efectividade da toma de posesión queda condicionada a que a persoa achegue no prazo máximo de cinco días naturais dende o chamamento o corresponde parte de incapacidade temporal.

Entendemos como acertada a decisión da Subdirección Xeral e agardamos que se faga pública no portal web ou que se lle comunique a todo o persoal interino ou substituto que se poida ver afectado.

Para proceder a rexistrar un parte de incapacidade temporal debe seguirse o seguinte procedemento:

A remisión dos partes de IT (baixa, confirmación e alta) ás xefaturas territoriais correspondentes ou a servizos centrais no caso do persoal que preste servizos nestes, realizarase a través da aplicación informática:

https://www.edu.xunta.es/datospersoais

Accedendo a dita aplicación o/a traballador/a cubrirá os datos que alí se lle indican e anexará dixitalizado o parte de baixa, confirmación ou alta nos prazos que de seguido se indican:

  • Parte médico de baixa
    O traballador recibe dúas copias do parte de baixa: unha para a súa constancia e outra para presentar na empresa -exemplar para a empresa- dentro do prazo de tres días, contados a partir da data de expedición do parte. No caso de que a baixa estea relacionada co contaxio ou corentena, documento que acredite esta situación. (aconsellamos estar pendentes por se a Consellaría indica algo concreto na xestión de partes de baixa na súa web).
  • Parte de confirmación da baixa
    O traballador recibe dúas copias do parte médico de confirmación da baixa: unha para súa constancia e outra para presentar na empresa -exemplar destinado á empresa- dentro do prazo de tres días contados a partir da data de expedición do parte.
  • Parte médico de alta
    O traballador recibe dúas copias do parte médico de alta: unha para a súa constancia e outra para presentar na empresa dentro das 24 horas seguintes.
Vídeotitorial sobre como subir partes médicos a datos persoais

 

Ligazón á web de Datos Persoais

Volver