O profesorado galego suspende á Consellaría en dereitos, negociación e respecto no curso máis conflitivo dos últimos 40 anos

O 93% do persoal docente que respondeu a consulta da CIG-Ensino non cre que os Acordos de 2023 e de 2026 supoñan unha mellora para o ensino público e cualifican de insuficientes as medidas en tema de horarios, ratios, burocracia e atención á diversidade.

Esta mañá celebrouse unha concentración diante da Consellaría como “punto e seguido” nun conflito que incluíu seis xornadas de folga e múltiples mobilizacións tanto nos propios centros, coa acción Martes en Loita, como a nivel comarcal e centralizadas en Santiago. Durante a mesma despregouse a palabra SUSPENSO e lanzouse a advertencia de que se non hai melloras reais o vindeiro curso continuarán as mobilizacións.

Profesorado do ensino público galego volveu concentrarse diante das dependencias da Consellaría de Educación en San Caetano esta mañá nunha acción de protesta que, en palabras da secretaria nacional da CIG-Ensino, supón un “punto e seguido” nas mobilizacións protagonizadas este curso para recuperar os dereitos roubados nos últimos 16 anos e avanzar noutros novos. “Despois de seis xornadas de folga, peches, boicots, o enterro simbólico do ensino público e protestas nos centros até a última semana de curso como puidemos ver en localidades como Carral, Vigo, Burela, A Coruña, Fene, O Vicedo... hoxe vimos aquí a darlle un clamoroso suspenso ao conselleiro de Educación e a todo o seu departamento”, explicaba Arroxo. “Un suspenso en moitas materias pero sobre todo na recuperación dos dereitos roubados nos últimos anos, na negociación de melloras nas condicións laborais docentes e na calidade do ensino público galego e no respecto ao seu persoal que lonxe de verse recoñecido pola administración continúa baixo o seu punto de mira coas novas instrucións nas que se incide no concepto de neutralidade ideolóxica como unha forma de censurar a súa liberdade de cátedra”.

Mentres se portaban letras de gran tamaño coa palabra SUSPENSO, Arroxo quixo facer públicos os datos da consulta aberta lanzada nas últimas semanas ao profesorado galego na que participaron máis de 2.000 docentes, “unha cifra bastante representantiva para estarmos a finais de curso”. Neste sentido, os resultados son contundentes. Así, o 93% das persoas que contestaron está en desacordo ou moi en desacordo con que os acordos de 2023 e 2026 supuxeran unha mellora substancial para o ensino público e un 96% opina que non se tomaron atendendo as demandas do profesorado e cunhas negociacións reais. Sobre as diferentes medidas incorporadas en materia de recuperación horaria son insuficientes para o 88%, en canto á baixada de ratios para un 92%, na atención á diversidade para un 95%, na redución da burocracia para un 96% e a nivel salarial para un 91%. “É dicir, ningún dos grandes eixos sobre os que xiraba a táboa reivindicativa das mobilizacións deste curso foi satisfeito pola medidas aprobadas pola Consellaría. Estamos ante unha mostra e uns resultados o suficientemente significativos para que a administración e as organizacións sindicais asinantes dos acordos tomen nota da opinión do profesorado”, incidiu. Hai que teer en conta que participou persoal de todo tipo de centros e ensinanzas sendo maioritario o de secundaria.

Ademais, a consulta tamén preguntaba por se se consideraba necesario que as negociacións coa administración incorporaran medidas para colectivos específicos: persoal interino e substituto, persoal de orientación, maiores de 55 anos, profesorado especialista de sectores singulares… ao que o 88% do persoal respondeu afirmativamente. Ademais, a CIG-Ensino tamén recibiu achegas nunha pregunta aberta nas que o profesorado propón diversas medidas de presión para acadar os obxectivos marcados ao inicio do conflito, o máis numeroso en participación e en mobilizacións en Galiza desde o ano 1988 no ensino público. “Está claro que o conseguido non é o perseguido e haberá que agardar a ver como empeza o próximo curso, aínda que ao longo deste mes xa iremos sabendo como quedan os cupos dos centros de secundaria despois da baixada do horario lectivo ás 18 horas e como quedan os centros de secundaria aos que se lles prometeu estabilizar os postos de Pedagoxía Terapéutica e Audición e Linguaxe que teñen por riba de catálogo. Doutros anuncios como 50 novas prazas de Orientación e da contratación de 200 PT para secundaria non sabemos nada, ao igual que o tema das ratios. Onte materializouse na Mesa Sectorial que a baixada a 25 por aula en 1º da ESO non comezará até o curso 28/29 o que levará a que, segundo a planificación da Xunta, non estea rematada en Bacharelato até o curso 33/34. Durante o verán a CIG-Ensino non vai descansar. Estará moi vixiante e se non se materializan avances reais non se descartan novas mobilizacións a partir de setembro”, sentenciou.

Volver