O profesorado galego irá mañá á folga por sexta vez este curso para negociar melloras laborais reais e a garantía do seu cumprimento

Ás 12 da mañá sairá a manifestación da Alameda compostelá que percorrerá as rúas da capital galega para rematar na Consellaría coa lectura dun manifesto a cargo de sete docentes que representan os distintos colectivos e ensinanzas

Desde primaria e infantil, pasando por secundaria, bacharelato, formación profesional e ensinanzas de réxime especial, o ensino público non universitario mantén o pulso coa Consellaría “despois dun anuncio propagandístico máis pero sen un texto concreto sobre o que negociar”.

Galiza é o territorio do Estado español que máis convocatorias de folga docentes leva este curso despois de 16 anos de recortes, de ser a única comunidade que mantén o horario lectivo en secundaria de 20 horas semanais e de que non se producira ningún avance sobre a táboa reivindicativa que levou á CIG-Ensino a iniciar este conflito a comezos de curso. Nestes intres, tal e como indica Laura Arroxo, a súa secretaria nacional, “o único que houbo o venres foi unha rolda de prensa para intentar desmobilizar o profesorado de cara a esta folga pero segue sen haber ningunha proposta concreta da administración para negociar na Mesa Sectorial, o único órgano legal para tratar as cuestións laborais do profesorado”. “Así pois -engade-, esta convocatoria ten máis sentido aínda porque os e as docentes galegas estamos fartas de propaganda e de acordos de renuncias e queremos ver xa un documento con esas supostas melloras para analizar, contrastalo co profesorado e, sobre todo, ter garantías de que se vai cumprir despois de experiencias previas nas que nin sequera os poucos avances que se asinan se materializan. E non o di a CIG-Ensino, dino os feitos porque os sindicatos asinantes teñen no xulgado denunciado o xa de por si mísero acordo de 2023”.  

“Os obxectivos seguen a ser os mesmos que cando o 13 de setembro comezamos coa primeira manifestación á que lle seguiron cinco xornadas de folga no primeiro trimestres, marchas fúnebres polo ensino público e a escenificación do seu enterro en decembro coincidindo coa aprobación dos orzamentos da Xunta, peches na Consellaría e escraches informativos en actos do conselleiro, encerros nocturnos en 26 centros educativos, mobilizacións con Anpas e alumnado, os martes en loita reivindicativos nos centros educativos...”, salienta. Neste sentido, a táboa reivindicativa do conflito resúmese na recuperación das 21 e 18 horas que tiña o profesorado galego en 2010 e a fin da discriminación nos centros integrados e escolas artísticas; na baixada de ratios en todas as etapas educativas desde o próximo curso, nunha maior dotación de persoal para atender a diversidade en todas as ensinanzas, nun plan real para reducir a burocracia con maior dedicación horaria para equipos directivos, coordinacións e titorías e máis persoal administrativo; melloras retributivas no complemento autonómico para todo o profesorado, equiparación salarial do PESSFP e recuperación do pagamento do verán ao persoal substituto que traballe cinco meses e medio, redución da xornada lectiva a partir dos 55 anos e recuperación das licenzas por formación retribuídas. “A Consellaría é consciente de que as aulas galegas están ao límite e do fondo malestar do profesorado galego, pero mentres non haxa feitos e documentos na Mesa Sectorial manteranse as mobilizacións”, conclúe.

 

Volver