O profesorado faise oír en toda Galiza nas súas reclamacións por recuperar o horario lectivo anterior aos recortes

Esta tarde celebráronse concentracións simultáneas nas sete cidades galegas, convocadas pola CIG-Ensino e o resto de organizacións con representación no ensino público galego.

Ante o portazo dado pola Consellaría a abrir unha negociación para devolver os 18 períodos lectivos semanais en secundaria e os 21 en primaria o profesorado galego respaldou a convocatoria unitaria nas sete cidades para “recuperar a dignidade da profesión docente”.

Desafiando o tempo outonal o profesorado secundou esta tarde as concentracións para reivindicar unha negociación inmediata da recuperación do horario lectivo que foi recortado polos gobernos de Feijóo e Rajoy nos anos 2011 e 2012 respectivamente. Unha medida que significou a perda dun mínimo de 1.200 postos de traballo e un empeoramento tanto das condicións de traballo como da calidade da atención educativa. Unha vez que o goberno central derrogou o ano pasado o Real Decreto Lei polo que se aumentara o horario lectivo do profesorado a nivel estatal, algo insólito até ese momento polo que significaba de inxerencia competencial no ámbito educativo autonómico, é a vontade política de cada administración a que fixo que nestes momentos docentes doutros 7 territorios do Estado xa recuperaran este dereito. En Galiza, que foi pioneira nestes recortes, semella que esa vontade non existe e mesmo se utiliza o colectivo docente como arma política nas liortas que mantén o goberno da Xunta co de Madrid. 

Como resposta a esta parálise, o profesorado galego falou hoxe alto e claro acudindo ás diversas concentracións nas que reclamou a recuperación dos 18 períodos lectivos para o profesorado de secundaria, FP e ensinanzas de réxime especial, o que non significaría nin máis nin menos que a volta á normalidade. Polo demais, no caso das mestras de primaria, infantil e educación especial a redución de 25 a 21 horas foi froito dun acordo asinado pola práctica totalidade das OO.SS. coa Xunta en 2007 e que pretendía deste xeito reducir as diferenzas entre os distintos corpos e igualar tamén as condicións horarias do persoal docente dentro dos centros educativos. Ademais do recorte de postos de traballo, nomeadamente en secundaria, estas medidas trouxeron consigo, tal e como lembraba o secretario nacional da CIG-Ensino, Suso Bermello, na concentración da Coruña, “unha redución dos apoios en infantil e un empeoramento na atención á diversidade, con menos profesorado especialista, así como máis itinerancias, máis afíns, incremento das ratios nas aulas, maior número de alumnado por docente, imposibilidade de realizar desdobres, redución do número de persoal interino, sobrecarga de traballo burocrático en detrimento do propiamente lectivo… En definitiva unha serie de problemas que sufriu sobre todo o colectivo de profesionais que traballan no ensino público porque grazas ao seu esforzo e compromiso a calidade educativa non se viu gravemente resentida como semella que era a intención dos gobernos que sabemos que apostan máis polo privado que polo público, de aí que estas mobilizacións tamén teñen o obxectivo de recuperar a dignidade da nosa profesión”. 

Bermello tamén aproveitou para aclarar que a mensaxe que quere trasladar o profesorado é que non se trata de traballar menos senón de traballar mellor, porque a xornada laboral semanal seguirá sendo a mesma. “Iso si, a atención educativa veríase directamente beneficiada ao poder traballar coordinadamente dentro dos centros, participar en proxectos innovadores e sobre todo abordar mellor as especificidades individuais do alumnado”, apuntou.

A folga como única saída 

Ante o mutismo da Consellaría despois do anuncio de mobilizacións e da convocatoria de folga para o día 12 de decembro, a CIG-Ensino considera que esta última faise aínda máis necesaria. “Desde a chegada de Feijóo ao poder exerceu a maioría absoluta cunha auténtica soberbia, intentando baleirar de contido as mesas de negociación, polo que cómpre unha resposta masiva o día da folga para facer ver o descontento e o malestar do profesorado con quen nos goberna, que ten demostrado non ter a mínima sensibilidade ao respecto das necesidades educativas dos centros de ensino galegos. Se realmente quere demostrar o contrario, Feijóo só ten que modificar os orzamentos xerais de Galiza para o ano que vén e reverter a diminución de profesorado que se prevé neles destinando unha partida orzamentaria para a recuperación horaria. Se o fai así non teremos ningún problema en desconvocar a folga”, sentenciou.

12 de decembro: Folga no Ensino

Para recuperar o noso horario e mellorar condicións laborais

Documento


Volver