O profesorado está farto!

Mércores 8: CIG-Ensino chama a protestar contra as decisións da Consellaría de cara ao comezo do curso 2022/23

O sindicato anima a saír nos recreos e amosar o rexeitamento contra imposicións unilaterais da administración tomadas de costas a un profesorado farto xa de tanta desconsideración

Diante das últimas actuacións da Consellaría de Educación, dunha falta absoluta de consideración co persoal docente, a CIG-Ensino promove unha resposta de todo o profesorado galego para facer ver o noso rexeitamento a unhas imposicións feitas contra o noso criterio, sen tomar en conta a nosa profesionalidade e afondando aínda máis nunha sobrecarga de traballo e burocracia e nunha falta de respecto por un colectivo, o docente, que debería ser tomado en consideración como o que é, a parte central do sistema educativo.

O sindicato anima a saír nos recreos do mércores 8 de xuño e protestar contra unha Consellaría que, lonxe de atender as nosas demandas para mellorar o ensino público e as nosas condicións de traballo, lexisla na nosa contra e despreza o noso papel. Son moitas as actuacións destas últimas semanas que agravan a situación na que rematamos este curso e avanzan un comezo de curso no que non só se negan a negociar melloras senón que van xusto na dirección contraria.

Por iso, porque nos sobran razóns para estarmos fartas e fartos, é preciso reaccionar:
  • Contra o incremento do calendario escolar por riba dos 175 días que a Lei estatal impón.
  • Contra a desconsideración das mestras e mestres de Infantil, restrinxindo o período de adaptación, até anulalo na práctica, sen ter en conta a decisión profesional.
  • Contra o incremento da burocracia, absolutamente disparada hoxe e que aínda irá a máis no curso 2022/23, coas medidas impostas polos burócratas de San Caetano.
  • Contra as imposicións das Instrucións do próximo curso escolar, promovendo medidas irrespectuosas co conxunto de integrantes dos claustros, como a elección de grupos en secundaria no mes de xullo sen a presenza de todo o profesorado afectado.
  • Contra a negativa da Consellaría a negociar uns horarios lectivos xustos e que nos permitan recuperar os nosos dereitos (18 e 21 horas lectivas en infantil e primaria e secundaria respectivamente)
  • Pola mellora das condicións nas que desempeñamos o noso traballo, reducindo ratios e mellorando a atención á diversidade.
  • Polo incremento dos cadros docentes, para poder afrontar os retos dunha educación pública de calidade.
  • Polo respecto a quen estamos a pé de aula, exiximos o cese dos cargos políticos que impoñen unha carga burocrática inasumíbel e desprezan o profesorado.
 Para darlle visibilidade á campaña é necesario que nas concentracións fagamos fotos e as compartamos nas redes sociais usando: #oProfesoradoEstáFarto
Tamén nolas podedes enviar a galiza@cig-ensino.gal para nos subilas á nosa páxina.
Para as concentracións podedes utilizar os cartaces que hai na nova, clicando nas fotos accededes aos pdf, listos para imprimir.
 

Volver