O profesorado especialista continuará un curso máis na súa situación actual e obterá adxudicación no CADP
A Consellaría aceptou así a petición da CIG-Ensino de adiar o proceso de conversión das listas deste colectivo do corpo 590 en bolsas de persoal experto para permitir unha negociación demorada das súas novas condicións laborais.
En principio a administración avanzou que a súa intención é manter a orde das listas vixentes e comprometeuse a negociar ao longo do vindeiro curso en que consistiría o paso a persoal laboral, e polo tanto a perda da condición de funcionariado, deste profesorado. A CIG-Ensino esixirá que este cambio non supoña unha redución de dereitos laborais nin unha perda de calidade nas ensinanzas impartidas.
Nestes momentos hai listaxes de persoal especialista nas seguintes especialidades: Animación Turística, Audioprótese, Baloncesto, Condución de grupos e bicicleta, Condución de grupos a cabalo e coidados equinos, Edificación, Formación para a mobilidae segura e sustentábel, Fútbol, Fútbol sala, Mantemento aeromecánico, Organización transporte, Protección Civil: ámbito inspección e coordinación, Protección Civil: ámbito intervención operativa en emerxencias, Lingua de Signos, Protésico Dental e Vela. A Consellaría avanzou que abrirá unha nova listaxe para a especialidade Protección Civil, dada a necesidade de profesorado no CIFP As Mercedes de Lugo.
O sindicato sempre defendeu que a existencia de profesorado especialista nas ensinanzas de FP e de réxime especial debe cinguirse a determinadas especialidades nas que se require, ou ben por imperativo legal ou ben polos coñecementos e aptitudes concretas, unha determinada experiencia profesional ou formación. As actuais listaxes de profesorado especialista respondían a estas casuísticas particulares. Porén, tanto a normativa estatal que reforma a FP como o novo Decreto galego 20/26 regulan as figuras do profesorado experto e a Consellaría insiste en que é preciso facer esta adaptación. A CIG-Ensino xa plantexara no seu día que, ao igual que existen especialidades propias da comunidade autónoma, como Prácticas e Actividades ou Orientación de Primaria, estas especialidades poderían ter un encaixe similar.
En calquera caso, a CIG-Ensino informará de todas as negociacións que vaian tendo lugar co obxectivo de garantir que as persoas que están actualmente nestas listaxes non perdan os seus dereitos laborais.
Novas relacionadas

