O profesorado di un NON rotundo aos recortes no ensino público e ás imposicións da Consellaría

Escrutados os resultados de 764 centros

Ante este rexeitamento inequívoco da política educativa da Consellaría soamente cabe unha saída: a retirada da orde pola que se amplía a carga lectiva do profesorado e a obriga de vixilancia do alumnado transportado, unha orde que supuxo unha redución do profesorado e o empeoramento da calidade do ensino.

No referendo celebrado hoxe, 25 de outubro, o profesorado dixo:

  • Non aos recortes no ensino público.
  • Non ao incremento do horario lectivo.
  • Non a imposición da custodia do transporte.
  • Non a esta política educativa que procura o desprestixio do ensino público e favorece á privada.

A CIG-Ensino quere agradecer ao profesorado a súa participación neste referendo, nun acto que é unha lección de democracia para a Consellaría. Agradecemos tamén o compromiso do profesorado que asumiu a realización do referendo nos centros, facéndose cargo da mesa e de todo o proceso. Tamén o noso agradecemento ás direccións que facilitaron e colaboraron coa realización da votación.

 

Escrutados   os resultados de 764  centros, o resultado é o seguinte:

 

 

SI

NON

BRANCO

 

Estás de acordo cos recortes no ensino público?

1%

98%

1%

A Consellaría de Educación impuxo un incremento do horario lectivo. Estás de acordo con este incremento?

3%

94%

3%

Estás de acordo con que o profesorado teña entre as súas funcións a custodia do alumnado transportado?

 

1%

97%

2%

Consideras que as diferentes medidas adoptadas pola Consellaría de Educación melloran a calidade do ensino?

1%

98%

1%

 

A alta participación no referendo e a elevada porcentaxe de respostas negativas supoñen o rexeitamento máis evidente e contundente ás medidas de recorte e de deterioro do ensino público emprendidas pola Consellaría de Educación.

 

A participación do profesorado significa tamén posicionarse en prol da defensa inequívoca do ensino público como único garante da igualdade de oportunidades.

 

O profesorado dixo non aos recortes sen precedentes que a Consellaría está a  levar a cabo no ensino público, uns recortes que se concretaron na redución de máis de mil profesores, no peche de 156 unidades, na masificación das aulas, nunha atención inadecuada ás necesidades educativas especiais e á diversidade ou na carencia de prazas para Educación Permanente de Adultos e FP. Todo isto, mentres a Consellaría si  amplía unidades concertadas na privada e arbitra outros mecanismos de desvío de fondos públicos a eses centros.

 

O profesorado rexeitou tamén a ampliación do horario lectivo, coa rutura dun acordo unitario no caso de Primaria, porque, non só empeora as condicións laborais do profesorado, senón que supón un ataque á calidade do ensino na medida en que imposibilita que se poidan realizar outras funcións necesarias. Ademais a Consellaría coa redución do profesorado e a prohibición de realizar desdobres procura o deterioro do ensino público ao impedir unha atención personalizada.

 

Os resultados do referendo son a mostra máis contundente da repulsa do profesorado a un Conselleiro que ten como denominador común na súa actuación a mentira, a demagoxia e a manipulación, como por exemplo cando se atreveu a afirmar que o profesorado era favorábel maioritariamente ás medidas e recortes que está realizando contra o ensino público. Coa súa participación o profesorado está a reclamar que o Conselleiro poña fin ás actuacións que teñen como obxectivo o desprestixio e a desvalorización da función docente.

 

Ante este rexeitamento inequívoco da política educativa da Consellaría soamente cabe unha saída: a retirada da orde pola que se amplía a carga lectiva do profesorado e a obriga de vixilancia do alumnado transportado, unha orde que supuxo unha redución do profesorado e o empeoramento da calidade do ensino.

 

Esiximos do Presidente da Xunta de Galicia, Núñez Feijóo, o cese inmediato do Conselleiro de Educación, xa que o profesorado, a través deste referendo, amosou unha moción de censura ao seu comportamento de desprestixio do profesorado e do ensino público e por ser o artífice duns recortes nunca habidos na educación pública en Galiza.

 

Mañá completaremos  a información na  roda de prensa que temos convocado áS 11.30  no Hostal dos Reis Católicos.

Volver