
O profesorado das EEOOII acorda continuar as mobilizacións en demanda da retirada da circular 5/2009
Na asemblea celebrada en Compostela acordáronse novas medida
Na asemblea celebrada hoxe en Compostela acordáronse novas medidas de mobilización
Esta mañá celebrouse, en Compostela, unha asemblea do profesorado das EEOOII, convocada pola CIG-Ensino e as restantes organizacións sindicais , na que participaron profesores e profesoras da práctica totalidade das EEOOII de Galiza.
Na asemblea, fíxose unha valoración moi positiva das mobilizacións realizadas até o de agora e acordouse continuar con outras medidas de presión para seguir reclamando da Consellaría a retirada da circular 5/2009 e a apertura de negociacións, xa que Educación segue sen atender as lexítimas demandas do profesorado.
Por outro lado, o profesorado denunciou a situación actual das EEOOII con continuos cambios, por parte da inspección, nos horarios que, a día de hoxe, aínda non foron aprobados con carácter definitivo en moitas escolas. Por outro lado, mostraron a súa preocupación ante a actitude da Consellaría que lles está a impor a realización de determinados cursos monográficos, cando a proposta destes cursos lle compete ao Consello Escolar da EOI e debería ter sido feita ao finalizar o curso pasado, polo que a Administración está a vulnerar as canles regulamentarias para esta proposta.
Tras as propostas realizadas polas organizacións sindicais, a asemblea acordou levar a cabo as seguintes medidas:
Trasladarlle aos Directores Xerais de FP do resto do Estado cal está sendo a actitude do seu homólogo galego, ao impoñer unha circular sen negociala e utilizar os medios de comunicación para difamar os traballadores das EEOOII.
-
Promover que os concellos aproben mocións en defensa das EEOOII.
-
Trasladar a problemática das EEOOII ao Valedor do pobo (acción que se realizará este mesmo venres, día 13)
-
Realizar aulas na rúa como medida de protesta e para sensibilizar a cidadanía. Esta acción iniciarase o día 19 de novembro na Coruña e irase desenvolvendo noutras cidades e localidades do país, até o día 17 de decembro.
-
Realizar unha marcha entre o Monte do Gozo e o Obradoiro, o 23 de xaneiro.
Santiago de Compostela, 10 de novembro de 2009