O profesorado da Costa da Morte en loita: o IES Fernando Blanco, o CEIP Labarta Pose, o CPI de Zas, o IES Eduardo Pondal... denuncian o estado lamentable dos seus centros

A CIG-Ensino faise eco das denuncias feitas públicas por estes centros, todos con graves carencias a nivel estrutural e de dotacións

A semana pasada coñecemos que no Parlamento Galego se evidenciou a situación que padecen tanto no CEIP Labarta Pose de Baio como no CPI de Zas. Ambos reclaman a urxente solución para as 'deficiencias estruturais' que presentan os seus centros e denuncian a inacción da Consellaría de Educación ante unha súa responsabilidade. 

Uns poucos días máis tarde, concretamente o 27 de xaneiro, soubemos que o IES Eduardo Pondal de Ponteceso se mobilizou para chamar a atención sobre o feito de que teñen 4 aulas pechadas por culpa das filtracións de auga, outras dúas sementadas de caldeiros, o cal acontece tamén na entrada do centro, así como falta dunha parte do tellado que voou cun deste últimos temporais.

E onte mesmo, o 29 de xaneiro, o IES Fernando Blanco de Cee publicou un manifesto asinado pola maioría do seu profesorado manifestando as carencias estruturais que presenta o seu centro, carencias que mesmo poñen en risco a integridade da comunidade educativa e tamén se solidariza coa loita emprendida polo IES Eduardo Pondal de Ponteceso, onde teñen tantas pingueiras que obrigaron a clausurar varias aulas. Nel salientan que a 'insuficiencia de investimentos' está poñendo en risco a actividade docente que se leva desenvolvendo nun seu centro que podemos calificar como histórico, posto que xa van aló 140 anos desde a súa inauguración. Salientan que 'as deficiencias estruturais foron comunicadas de forma reiterada ás Administracións correspondentes tanto polo actual Equipo Directivo como polos anteriores' e até hoxe non obtiveron resposta de ningún tipo. Estas deficiencias concrétanse en filtracións constantes de auga debido ao mal estado do tellado, nunha estrutura metálica enferruxada que sostén unha cuberta que non só é que sexa de uralita, senón que está moi inestable, nunha instalación eléctrica que dá fallos constantemente, nun sistema de calefacción que non conta con aillamento e que resulta claramente insuficiente... E non rematan aqui os problemas, posto que tamén explican que os laboratorios, as aulas de referencia, as instalacións deportivas..., son obsoletas e non contan cos recursos imprescindibles para a súa utilización. A todo isto engaden a falta de dotación de persoal non docente, posto que levan máis dun curso sen cubrir unha praza de conserxe, e os problemas que causan as condicións de tráfico na contorna do centro, que non están reguladas en función das horas de afluencia ao centro causando riscos innecesarios. 

Desde a CIG-Ensino non podemos máis que apoiar estas demandas e reiterar á Administración educativa que faga o seu traballo e poña unha pronta solución a estas gravísimas deficiencias. Chamamos, así mesmo, a toda a comunidade educativa a apoiar os peches que temos convocados para a semana próxima na comarca da Coruña. Serán concretamente o martes 3 xaneiro en Cee, no IES Agra de Raíces, e o xoves 5 no CRA Ponte da Pedra de Carballo.

 

Volver