
O profesorado concentrarase para rexeitar os recortes, a ampliación do horario lectivo, a obriga de custodiar o alumnado transportado e para defender o ensino público
Mañá, día 11 de outubro, nos centros de ensino público, na hora do recreo, o profesorado realizará diversos actos de protesta
A CIG-Ensino considera que se tratou dunha comparecencia asentada na mentira, na demagoxia e na repetición. O conselleiro de Educación, máis unha vez, mentiu pero non tivo máis remedio que recoñecer que este ano o ensino público ten preto de 600 profesores/as menos e 3.000 alumnos/as máis. A CIG-Ensino sabe que os datos reais superan esa cifra.
É impropio dun conselleiro de Educación que repetidamente estea desvalorizando o profesorado chegando a pór en tea de xuízo o dereito á folga e pretendendo facer unha diferenciación entre o profesorado e os seus lexítimos representantes, as organizacións sindicais, chamando irresponsábeis á maioría do profesorado que secundou as folgas e afirmando que o curso escolar se iniciou con total normalidade, obviando as catro manifestación multitudinarias que percorreron as rúas de Compostela, as dúas folgas xerais e múltiples accións, resolucións e concentracións protagonizadas pola comunidade escolar.
Para a CIG-Ensino, quedou patente a súa carencia máis absoluta dun proxecto educativo revitalizador para o ensino público, ao recorrer na súa comparecencia –de imitación aos papagaios-, unha vez máis, aos seus programas “estrela”, Abalar e programa de centros plurilingües, que están pensados exclusivamente para reforzar o ensino privado concertado e perseguir o noso idioma.
O que si quedou claro é que o actual conselleiro está ao servizo e ao mandato da privatización e mercantilización da educación, ao gabarse de todas as actuación favorábeis a todo o ensino privado.
A CIG-Ensino denuncia que continúa instalado no autoritarismo. A visión partidista que ten da administración lévao a negar calquera tipo de negociación e mesmo a arremeter contra o profesorado que mostra a súa desconformidade con esta política educativa.
Para a CIG-Ensino é inadmisíbel que siga dicindo que o profesorado que non participou na folga -unha minoría- aplaude e asume a política educativa de recortes permanentes do ensino público, mais o conselleiro terá a resposta acaída no referendo convocado para o día 25.