O Plan da Lingua Galega: nin derroga o Decreto culpábel nin aposta pola galeguización real do ensino
A CIG-Ensino rexeita a proposta da Xunta e insiste en que a revitalización do uso do galego ten que empezar polo mesmo punto no que empezaron as súas políticas de extinción, en clara referencia ao Decreto do Plurilingüismo.
Retroceso envolto en fastosidade e artificialidade. A lectura que fai o sindicato maioritario no ensino público galego, desde infantil até a Universidade, do novo Plan da Lingua Galega é tremendamente crítica porque, malia empregar eufemismos como “perda de saúde do galego” e recoñecer a “urxencia” da situación lingüística, moitas das medidas propostas son involucionistas a respecto do Plan Xeral de 2004.
Apenas 18 páxinas das 300 totais, con moita infografía e, iso si, encabezadas por imaxes de mandilóns de alumnado de infantil, a etapa na que comeza a perda de falantes ao reducirse o uso do galego ao 9% das aulas, son as que se dedican no documento ás políticas lingüísticas no ensino. Na introdución unha análise posibilista, na que se pon de manifesto todo o que a escola pode facer para asegurar a transmisión interxeracional do galego, convertelo en lingua vehicular e contribuír ao seu prestixio social mais sen sinalar quen ten a responsabilidade da situación de emerxencia na que nos atopamos. Nestes 22 anos desde o Plan Xeral de 2004, o Partido Popular estivo á fronte da Xunta 18 e medio, interrompidos só polos 3 e medio do bipartito, contra quen empregou a falacia da imposición do galego como arma política para recuperar o poder.
Nin unha soa referencia ao papel que xogou na perda de falantes e de competencia no noso idioma o Decreto de Plurilingüismo aprobado en 2010 e a partir do cal se precipitaron á baixa as estatísticas tanto no seu uso como no seu coñecemento. “Hai que pensar que un neno que empezou primaria hai 16 anos ten hoxe 22 pasou toda a súa vida académica baixo este Decreto e unha rapaza que estaba en 1º da ESO, hoxe con 28 anos, non volveu ter unha materia científica no noso idioma porque aínda que continuara estudos postobrigatorios, tal e como recoñece claramente o documento, a presenza deste en etapas como a FP ou a Universidade é minoritaria”, sinala Laura Arroxo, secretaria nacional da CIG-Ensino. “Non hai que ser especialista en sociolingüística para supoñer que o máis probábel é que a estas alturas ambos casos hipotéticos non sexan falantes habituais de galego e, polo tanto, non llo poidan trasnsmitir aos seus fillos e fillas, aínda que queiran”.
Malia que no documento se recoñece que non se cumpriron as recomendacións do Comité de Expertos a respecto da aplicación da Carta europea das linguas rexionais e minoritarias (CELRM), en concreto “a de eliminar as limitacións para o seu uso vehicular nas materias científicas”, a derrogación deste Decreto non forma parte dos 10 obxectivos prioritarios que se marca este Plan, tal e como levan reclamando a CIG-Ensino, a Mesa pola Normalización Lingüística ou a Plataforma Queremos Galego desde a súa aprobación. “O documento indica que a sociedade identifica plurilingüismo como competencia en inglés, como se iso non fora fomentado intencionadamente polo goberno de Feijóo no seu momento e a proliferación hoxe de centros plurilingües, incentivados a cambio de máis medios e recursos, seccións bilingües, así como a inxente cantidade de partidas destinada a auxiliares de conversa, estadías no estranxeiro, actividades formativas para profesorado (PIALE) ou alumnado non estiveran dirixidos a fomentar a aprendizaxe do inglés, mentres se detraen recursos para os equipos de normalización lingüística aos que pretenden devolver o seu nome inicial pero sen un compromiso claro de asignación de máis recursos”, engade. No documento mesmo se chega a poñer en dúbida a implicación do profesorado cando se refire a que “a planificación lingüística de centro é ás veces débil, superficial e rutineira e a que a dinamización lingüística está escasamente vencellada coas áreas técnicas ou científicas”, sen mencionar de novo que a responsabilidade desta situación é directamente das políticas da Consellaría de Educación.
“No texto dá a sensación de que as políticas lingüísticas foran inexistentes durante estes anos, que tiveron moito de desleixo si, pero tamén de ataque frontal”, lembra Arroxo. No capítulo no que destacan que “a competencia en lingua galega dos docentes que acceden á profesión non é sempre a adecuada e a súa formación en labores de Planificación Lingüística Escolar é insuficiente” volven culpabilizar á Universidade, ás Facultades de Educación e ao propio estudantado como se a Consellaría non tivera competencias para mudar a formación dos novos e novas docentes, e introducir formación en sociolingüística tanto na universidade como posteriormente cando empezan a traballar. Neste sentido, a CIG-Ensino lembra como se eliminou a obrigatoriedade de presentar a programación didáctica en galego nas oposicións, como se decidiu non puntuar nos méritos o C1 de galego e como non se fornecen temarios oficiais en galego para que o persoal opositor dispoña deste material”. Así mesmo, mentres se amosa como unha debilidade actual do sistema educativo “o escaso número de recursos en galego sobre todo na FP, nas materias STEM e na formación dixital” o departamento de Román Rodríguez vén de eliminar hai dous cursos as licenzas por formación retribuídas que sempre existiron en Galiza e que eran unha das poucas vías para a elaboración e posta en aberto deste tipo de contidos. Ademais, aínda que menciona especificamente a Formación Profesional como un dos eixos de actuación a Consellaría vén de lexislar para incluír 120 horas obrigatorias en todos os ciclos formativos en inglés, sendo o único territorio do Estado en facelo, e negarse a incorporar módulos optativos en galego para que o estudantado que curse ciclos medios e superiores poida obter o Celga 4.
O atrevemento de pedir acordos quen primeiro os rachou todos
Tanto no documento como nas declaracións do conselleiro de Lingua, José López, fálase da “adopción dos acordos necesarios que posibiliten na educación obrigatoria a impartición das distintas materias en galego, respectando o equilibrio lingüístico”. Mais quen primeiro rompeu o acordo unánime ao que se chegara no ano 2004 coa Plan Xeral de Normalización Lingüística foi o Partido Popular que gobernaba daquela e que é o único responsábel de romper o consenso acadado sobre o galego. Que acordos pretende conseguir este Partido que deixou fóra, entre outras organizacións, á CIG-Ensino, sindicato que representa á maioría do profesorado galego?, pregunta Laura Arroxo. “Aínda que se insiste no equilibrio, algo que nunca se produciu en ningunha etapa desde 2010 porque sempre predominou o castelán sobre o galego, no Plan non se menciona directamente que se poida impartir calquera materia en galego, algo que non se limitaba para o inglés por exemplo, e que fai que nalgúns casos o alumnado remate a ESO con maior competencia nunha lingua estranxeira que na propia”, engade á vez que salienta que “tampouco se fala de proxectos de inmersión lingüística na educación infantil tan necesarios para que non perdan a lingua materna as escasas crianzas que aínda a teñen e para que se asocie o galego cos aspectos lúdico-educativos desta etapa temperá. E o mesmo acontece na Universidade, na que simplemente se alude a establecer incentivos para o uso do galego na docencia sen fixar a obrigatoriedade de empregalo cando menos equilibradamente, como noutras etapas.
“En definitiva, o único que concreta este Plan é que se farán máis campañas, é dicir, máis folclorismo e propaganda para maior gloria da Xunta, como a do acto de presentación, a costa dunha lingua que esmorece e pola que hai que apostar de verdade, con políticas que incidan na galeguización do ensino formal e do non formal, das actividades extraescolares, do seu uso vehicular en todas as accións da administración, empezando porque todos os cargos da Xunta se expresen correctamente en galego tanto oralmente como por escrito... Recursos, medios, formación e derrogación do principal elemento que, tal e como demostran as estatísticas do IGE, está detrás deste lingüicidio. Ou se comeza por aí ou non haberá acordo nin paz social posíbel porque quen ama a lingua non a deixará morrer sen loitar até o final”, concluíu Arroxo.
Novas relacionadas

