O persoal substituto precisa canto antes restrinxir por zona xeográfica sen xustificación e recuperar o pagamento do verán

A CIG-Ensino reclama unha Mesa Sectorial para abordar a situación deste colectivo, a cobertura inmediata de todas as vacantes e a planificación das listaxes de substitución que están próximas a esgotarse.

O sindicato denuncia que as adxudicacións do programa Proa sexan practicamente todas a media xornada ou, se é completa, con centros compartidos, ás veces de primaria e secundaria, o que está supoñendo dificultades organizativas e un incremento da precariedade para este persoal. Así mesmo, critica á Consellaría por alardear das cifras de matrícula na FP e ter a moito alumnado sen docente desde o inicio de curso. Neste momento hai 40 vacantes sen adxudicar e a súa estratexia é que pase o tempo para ver se se incorpora a persoa titular.

A carestía da vida, e da vivenda e do combustíbel en particular, está tendo graves consecuencias na clase traballadora galega. No ámbito do ensino público o persoal substituto é un dos que máis está a sufrir esta situación derivada do encarecemento do petróleo e da política de vivenda que non puxo fin á especulación dos grandes fondos de investimento. O malestar do persoal docente substituto da Consellaría de Educación incrementouse neste inicio de curso pola lentitude da xestión dos chamamentos, alén de que moitas interinidades que tiñan que ser adxudicadas no CADP ou os primeiros días de setembro foran atrasadas varias semanas, especialmente nas especialidades de Formación Profesional que a día de hoxe ten 40 vacantes sen cubrir, o 100% das existentes no corpo de Secundaria. A CIG-Ensino critica a hipocrisía da Consellaría de Educación que leva desde o luns enxalzando a matrícula nestas ensinanzas -con datos que distan moito dos que despois envía ao Ministerio de Educación para elaborar as estatísticas oficiais- mentres non parece preocuparlle que eses milleiros de estudantes estean sen docencia pola súa política de recursos humanos.

Outro exemplo da pésima xestión da Consellaría ten a ver cos nomeamentos do profesorado contratado ao abeiro do programa, Proa+, financiado con fondos europeos e que nos últimos 3 anos supuxo unha inxección de 18 millóns de euros para a Xunta. Na súa estratexia de estirar esta partida o máximo posíbel Educación opta por ofertar moitas medias xornadas do corpo de mestras, especialmente das especialidades de primaria, PT e AL, para “avultar” artificialmente a cifra de profesorado e “parchear” deste xeito as deficiencias de persoal nos centros, especialmente as derivadas do incumprimento dos catálogos e dos desdobres incluídos no Acordo de 2023. Alén disto, a CIG-Ensino ten a sospeita de que os 100 especialistas de PT que supostamente ían para os institutos se estean dotando mediante o PROA, dado que a estas alturas o conselleiro segue sen detallar en que centros se ampliou este persoal a respecto do curso pasado. Con todo, o persoal PROA+ nin sequera estivo contratado todo o día 1 de outubro debido á lentitude nos chamamentos e nomeamentos e vai ser cesado o 30 de xuño, privándoo do dereito recollido no Acordo de persoal interino a cobrar as vacacións do verán despois de estar todo o curso en situación moi precaria. As medias xornadas ou os centros compartidos, no caso daqueles nomeamentos a xornada completa, están a incidir nesa precariedade salarial e laboral do colectivo substituto e ocasionando complicacións na organización dos centros que teñen que compartilos. Nalgúns casos, o persoal especialista ten que itinerar entre centros de primaria e secundaria e atender a alumnado de etapas educativas moi diferenciadas sen ver unha compensación para esta dobre esixencia profesional. A CIG-Ensino lembra que este parche non soluciona os problemas reais dos centros e que segundo a Resolución publicada na páxina web da Consellaría, foron seleccionados para participar 181 e quedaron fóra 239. Este dato demostra a dimensión das necesidades de persoal que non están a ser cubertas pola administración.

Mesa sectorial específica para abordar a problemática do persoal interino e substituto 

A CIG-Ensino esixe á administración que non tape os ollos a esta problemática e convoque unha Mesa Sectorial para mellorar as condicións de traballo do persoal interino e substituto tal e como demanda este insistentemente. Entre as principais medidas que reclama o colectivo está poder coutar as zonas xeográficas, como acontece con outras administracións incluída a Xunta e o Sergas, nas que quere traballar sen necesidade de xustificación, ademais de recuperar o pagamento do verán. Pero son máis as demandas que a Consellaría ten que atender se quere facilitar tamén que se cubran as substitucións e que se acepten as medias xornadas porque neste momento en moitas especialidades é moi difícil que se acepten determinadas vacantes. Nestes intres apenas quedan 20 persoas nas catro especialidades de Electricidade e Electrónica, a maioría delas comparten estas listas e están á vez noutras. Tamén hai tres vacantes sen cubrir de Sistemas e Aplicacións Informáticas e 16 persoas sen restrición de zona, que é xunto con Informática outra especialidade tradicionalmente de difícil cobertura nos últimos anos porque as condicións no sector privado son mellores que na docencia. No que ten a ver coa familia profesional de Fabricación Mecánica quedan só 12 persoas na listaxe de Mecanizado, outra que tradicionalmente é complexa de cubrir. A solución a esta problemática non pasa, en opinión da CIG-Ensino, por rebaixar os requisitos para entrar na función pública docente eximindo de ter o Mestrado, senón por facer máis atractiva a profesión e dotala de dereitos, todo o contrario do que fai a Consellaría de Educación. Polo demais, é preciso abrir listaxes tamén das especialidades de Percusión e de Composición do corpo de cátedras, así como cubrir canto antes as dúas vacantes de Máquinas, servizos e produción na Universidade Laboral de Culleredo ou a de especialista en Lingua de Signos no IES de Chapela que levan se adxudicar desde comezos de curso. A administración non pode permitir que se esgoten as listaxes, senón que debe planificar con antelación a súa apertura e elaboralas aplicando o mesmo baremo que as oposicións, un proceso máis xusto que a mera nota de expediente académico, unha decisión que unha vez máis o que fai é devalar os requisitos para exercer a docencia. 

Por último, a CIG-Ensino reclama que se habilite un pagamento extraordinario das nóminas a todo o persoal substituto que comezou a traballar e non cobrou o mes de setembro porque non é de recibo que unha administración pública obrigue a pagar por traballar ao seu persoal durante dous meses practicamente. Así mesmo denuncia que se deben comunicar os cesamentos en tempo e forma para evitar que o persoal substituto acuda a traballar cando xa lle rematou o contrato e que se sexa máis rigoroso cos pagamentos porque entre cesamentos e nomeamentos ao final de curso moito deste colectivo ten que devolver salarios que cobrou indebidamente pero non pola súa responsabilidade.

Volver