Seguimento maioritario na terceira xornada de folga do persoal do ensino concertado, a pesar dos servizos mínimos abusivos

O persoal do ensino concertado maniféstase nas rúas da Coruña e Vigo até as delegacións territoriais da Consellaría de Educación por melloras laborais e esixe a apertura de negociacións na Mesa Tripartita con patronal e administración

Esta terceira xornada de folga foi consecuencia de manter a calada por reposta o responsábel da Consellaría, Román Rodríguez, ante as múltiples accións reivindicativas levadas a cabo no curso pasado e comezos deste: escritos reivindicativos das OO.SS., concentración e peche na Consellaría en San Caetano, concentracións e caravanas de coches reivindicativas arredor das Delegacións territoriais da Consellaría de Educación, boicots en actos públicos, envío de correo masivo polo persoal traballador tanto ao conselleiro coma ao director Xeral e tres xornadas de folga, que terán continuidade cunha cuarta convocatoria o próximo 15 de decembro, tal e como manifestou o persoal traballador na rúa, ademais de berrar consignas coas súas reivindicacións.

Milleiros de traballadores/as do ensino concertado fixeron folga este 10 de novembro e asistiron ás manifestacións das 12 do mediodía polas rúas da Coruña e Vigo até as respectivas Delegacións territoriais da Consellaría de Educación, esixindo abrir un calendario de negociacións na Mesa Tripartita.

Reivindicacións xustas e lexítimas do persoal traballador do ensino concertado:

- Cumprir o acordo sobre o complemento de equiparación salarial de 2008 e a redución da xornada lectiva.

- Recuperar pago da PEA (paga extraordinaria de antigüidade), deixada de aboar dende hai 17 anos, así como complementos de certos cargos, dinamización lingüística, coordinacións, titorías, que recolle o convenio de aplicación e a Consellaría non cumpre.

- Renegociar un novo acordo de xubilación parcial que deixa fóra a moitos compañeiros/as con parte da súa xornada en pagamento privado, así como un novo AME (Acordo mantemento emprego), xa que o Acordo de Recolocación actual non garante manter todos os postos de traballo.

- Establecer un complemento salarial autonómico para o PAS que dignifique os seus salarios (por debaixo do SMI na maioría de categorías).

Segundo o responsábel do ensino privado da CIG, Henrique García, as seis OO.SS. representativas do sector e o persoal traballador que secundou a folga, pediron a dimisión do conselleiro, Román Rodríguez, pola súa inacción e pasividade ante a solicitude de abrir negociacións xustas e lexítimas na Mesa Tripartita do ensino concertado, deixando de ser meremente informativa esta mesa.

Tamén interpelaron ao presidente, Alfonso Rueda, para que cambie o rumbo das súas políticas educativas e mire de verdade pola calidade do ensino en xeral en Galiza, non antepoñendo fins economicistas que afondan na precariedade laboral e salarial, e deixe a propaganda esaxerada e pagada da que abusan, así como a conflitividade laboral xa non só no sector da ensinanza, tanto pública como privada concertada, senón tamén no resto dos sectores. Sirva de exemplo: sector da sanidade, dos servizos sociais: menores, discapacidade, infantil 0-3, maiores, dependencia, SAF e outros moitos.

Henrique García fixo mención ás patronais da concertada, para que tomen nota das reivindicacións, pois tamén teñen responsabilidade, máis aínda cando se está a negociar o convenio do sector en Madrid, que recolle no seu articulado esta precariedade laboral e salarial no sector.

Sobre os SS.MM. (1 do equipo directivo, 1 do PAS e o 20% de docentes e 20% de persoal complementario) indicou García que foron unha vez máis decretados sen negociación e con total imposición. Consideramos estes servizos mínimos "abusivos, desproporcionados e inxustificados". A folga é un "dereito fundamental" e a Consellaría conculca este dereito, discriminando, con criterios moito máis restritivos que os impostos en xuño pasado nos C.E.E. pola folga na Discapacidade, Menores e Infantil 0-3, así como nas 6 folgas da ensinanza pública do curso pasado e incluso nos decretados pola Xunta de Galiza para a folga xeral deste 11-N para o propio ensino concertado.

Comunicado conxunto. Ligazón

Volver