O persoal das escolas deportivas municipais iniciará mobilizacións por unhas condicións dignas e a mellora do servizo

Os pregos da actual concesión vencen en novembro, pero o Concello da Coruña segue sen responder á táboa reivindicativa

O persoal das escolas deportivas municipais da Coruña, xestionadas pola empresa Serviplus, SL. acordou iniciar mobilizacións en demanda dunhas condicións de traballo dignas e a mellora do servizo que se presta ás persoas usuarias. O colectivo explica que os pregos da concesión rematan o próximo mes de novembro, e a pesar das reiteradas solicitudes dende 2024 para abordar as condicións do novo contrato, o Goberno municipal “só dá a calada por resposta”.

A primeira concentración terá lugar o xoves 9 de outubro, ás 12:00 horas, diante das instalacións deportivas de Riazor; e o día 23, teñen convocada outra concentración, ás 13:00 horas, na Praza de María Pita.

De xeito paralelo, o persoal iniciará unha campaña de concienciación e apoios entre as persoas usuarias que logo lle trasladarán ao pleno municipal que se vai celebrar no mes de novembro, no que tamén farán uso do escano cidadá, de non seren atendidas antes as súas reivindicacións,  e non descartan a convocatoria de folga.

Compromiso incumprido

No proceso de elaboración dos pregos en vigor, o Goberno municipal abriuse á participación do persoal traballador e comprometeuse a avanzar, nas seguintes licitacións, na dignificación das condicións laborais e salariais, na redución da parcialidade, e na equiparación das distintas condicións que ten o persoal que realiza o mesmo traballo, entre outras cuestións. 

Hai que salientar que nestas instalacións traballan máis de 40 persoas, das que o 40% ten contrato a tempo parcial; o que afonda na precariedade laboral, partindo de que o convenio de aplicación ten salarios na liña do SMI e limítase a recoller a normativa básica e obrigada do Estatuto dos Traballadores/as. Ademais, existen diferenzas entre o persoal da mesma categoría, xa que hai traballadores e traballadoras que non contan coas melloras laborais e económicas que si teñen compañeiros/as procedentes de subrogacións previas, acadadas en pregos anteriores, e que xa se atopan desfasadas e sobrepasadas nalgúns casos.

Para resolver estas problemáticas, o persoal xa lle trasladou ao Concello da Coruña, unha táboa reivindicativa na que se recollían as principais demandas laborais e salariais, e unha serie de medidas para mellorar a calidade do servizo e o estado das propias instalacións deportivas. Neste senso, apuntan ás diversas queixas dos e das usuarias polo material deficiente e de baixa calidade, a falta de limpeza, ou a falta de mantemento adecuado.

Esta táboa é a que se debería estar negociando coa concellaría, pero até o momento só se produciu unha reunión no mes de xuño con Manuel Vázquez, despois de varias solicitudes desatendidas dende 2024. Nese encontro, o concelleiro tomou nota das reivindicacións e necesidades do servizo, comprometeuse a darlles resposta, pero a día de hoxe “seguimos esperando unha contestación”, o que provoca incertidume e intranquilidade no colectivo.

Ante a desidia do Goberno municipal e o próximo remate da concesión, os traballadores e traballadoras acordaron en asemblea iniciar mobilizacións e unha campaña de apoios da cidadanía da Coruña na defensa dunhas condicións dignas e un servizo de calidade.

Volver