O persoal das Escolas Deportivas Municipais do concello da Coruña acorda convocar un paro de tres horas para exixir melloras laborais e salariais, así como unha mellor calidade no servizo á cidadanía

Desenvolverase o día 27 de novembro de 10h a 13h e haberá manifestación dende Riazor a María Pita, onde se fará unha demostración das actividades deportivas

A asemblea de persoal das Escolas Deportivas Municipais do Concello da Coruña acordou ir a unha xornada de paro de tes horas o próximo xoves 27 de novembro para reclamar a dignificación das condicións de traballo e o recoñecemento do labor que realizan. O paro desenvolverase das 10h ás 13h e para darlle máis visibilidade ás súas demandas, sairán en manifestación das instalacións deportivas de Riazor ás 10:30h até diante do Concello.

Á chega á Praza de María Pita, prevista sobre ás 11:30h, realizarán unha simulación das distintas clases de actividades que se ofrecen nas escolas deportivas municipais, convidando a cidadanía a participar destas. As actividades durarán aproximadamente até ás 12:30 horas, cando se procederá á lectura dun manifesto e se repetirá a pregunta lanzada ao Goberno local no escano cidadá do pleno do pasado 6 de novembro: está disposto o Concello a asumir a táboa reivindicativa das traballadoras e os traballadoras das escolas deportivas?.

A representación do persoal cualifica de decepcionante a resposta dada polo Goberno durante o pleno, xa que foi ambigua e non se asumiu compromiso de ningún tipo, ao limitarse a asegurar que nos próximos pregos do servizo se respectarán as condicións do convenio (como é obrigado) e as condicións particulares que ten recoñecidas algún persoal.

Cómpre lembrar que, hai catro anos, o Goberno municipal -da mesma cor política que o actual Goberno- adquiriu o compromiso de avanzar nos seguintes pregos na dignificación laboral e económica, na redución da parcialidade, e na equiparación das distintas condicións que ten o persoal para eliminar as discriminacións que se dan entre traballadores/as que realizan o mesmo traballo.

A estas demandas laborais sumáronse outras reivindicacións relativas ao estado das instalacións deportivas e dos medios, así como para mellorar o servizo que se presta ás persoas usuarias. Agora, cos pregos a piques de caducar, o Concello desenténdese do seu compromiso aducindo que non hai cartos e só manifestou disposición a atender algúns puntos da táboa reivindicativa referidos ao servizo.

Neste contexto e co apoio das máis de 2.000 sinaturas recollidas (e entregadas ao Concello da Coruña mediante rexistro) entre persoal traballador e persoas usuarias, a asemblea acordou dar un paso adiante nas mobilizacións e convocar esta primeira xornada de paro pola dignificación laboral.

Non obstante, sinalan a súa disposción a negociar e lémbranlle ao Concello que aínda está a tempo de evitar o paro "se nos chama e se compromete a cumprir coas melloras reivindicadas e prometidas".

Volver