O persoal das Escolas Deportivas continúa coas protestas tras a “decepcionante” xuntanza co Concello da Coruña
Critican que, malia o compromiso adquirido, o Goberno négase a recoller melloras laborais e salariais nos próximos pregos
As traballadoras e traballadores das Escolas Deportivas Municipais da Coruña continúan adiante co calendario de mobilizacións para exixir condicións laborais e salariais dignas e un servizo de calidade. Nesta ocasión, cunha protesta diante do Pazo de María Pita, o persoal expresou a súa decepción pola negativa do Goberno local a atender a súa táboa reivindicativa, a pesar do compromiso adquirido hai xa catro anos para avanzar na dignificación laboral e económica do colectivo.
Un sinxelo “non hai cartos para iso” foi a resposta recibida pola representación do persoal na xuntanza que o pasado martes mantiveron co concelleiro de Economía, José Manuel Lage, o concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, e persoal técnico do Concello. Unha reunión que cualifican de “decepcionante” e na que os responsábeis políticos se limitaron a sinalar que os pregos conterán o convenio de aplicación, as condicións “ad personam” e as melloras das persoas subrogadas, “pero máis nada”. “Nin compromiso de tratar ou de estudar as nosas reivindicacións laborais e salariais durante a preparación dos novos pregos da concesión, que se comprometeron a sacar antes de fin de ano”.
Os delegados e a delegada do persoal critican que o Goberno municipal, que segue a ser o mesmo Goberno de Inés Rey, non está a respectar o compromiso que adquiriu hai catro anos “que consistía na mellora e dignificación das condicións laborais e salariais, na redución da parcialidade, e na equiparación das distintas condicións que ten o persoal que realiza o mesmo traballo, entre outras cuestións”.
O único que se sacou en limpo, engaden, foi que se comprometeron en estudar durante a elaboración dos pregos algunhas das cuestións demandas para a mellora do servizo. Entre outras, aumentar o ámbito das Escolas Deportivas Municipais aos campamentos e outras actividades de verán, así como o resto de eventos deportivos que se daban na cidade e se xestionaban dende este servizo, co obxectivo de dar máis seguridade aos contratos laborais, e así, afrontar tamén o seguir pasando contratos fixos discontinuos a indefinidos.
Así mesmo, cambiar o calendario das EDM, facéndoo coincidir co calendario escolar; e o calendario dos campamentos de verán, para que cubra todo o período vacacional das escolas, coa finalidade de mellorar a conciliación familiar, tanto dos usuarios e usuarias, coma das persoas traballadoras.
Tamén se comprometeron a revisar e valorar os postos do persoal técnico deportivo que figuran coma persoal non docente, que o prego actual recolle que teñen actividade lectiva pero nunca a deron, e así figuraba en anteriores pregos.
Quedou pendente tratar o mal estado das instalacións deportivas que empregan as EDM, así como o deterioro e escaseza de material deportivo, que tamén constan nas reivindicacións sociais.
Ante a negativa do Concello, as traballadoras e os traballadores seguirán coas reivindicacións acordadas e, tras da concentración deste xoves, solicitarán intervir no escano cidadá do próximo pleno para reclamarlle ao Goberno municipal que reconsidere a súa postura. Ademais, aproveitarse a ocasión para facer entrega das sinaturas que se están a recoller entre as persoas usuarias en apoio a estas reivindicacións xustas e lexítimas. Até o momento, xa se recolleron unhas 1.500 sinaturas ao que hai que engadir o apoio dos grupos da oposición do BNG e o PP.

