O persoal da Escolas Deportivas da Coruña reivindica melloras nas súas condicións e o pago inmediato dos salarios
Á falta de atención do Goberno municipal nas demandas laborais súmase agora o impago das nóminas por parte da empresa que xestiona o servizo.
O persoal das Escolas Deportivas Municipais da Coruña continuou este xoves co calendario de mobilizacións para reclamar condicións laborais dignas e que o Concello cumpra o compromiso de incorporar melloras no seguinte de prego. Na protesta tamén participaron persoas usuarias deste servizo que están apoiando e arroupando o persoal nas súas xustas reivindicacións.
Á precariedade laboral e económica que veñen denunciando súmase agora o impago de salarios, pois a 11 de decembro a empresa concesionaria, Serviplus, non abonou aínda a nómina de novembro, non ofreceu ningún tipo de información sobre cando procederá a pagar e ademais aínda ten pendente de ingresar a un grupo de persoas os atrasos correspondentes dende xaneiro de 2024.
A protesta coincidiu coa celebración da sesión plenaria e aproveitouse a entrada do concelleiro de Deportes no Pazo de María Pita para reclamarlle que actúe para garantir o cobro inmediato dos soldos e ao tempo demandarlle axilidade na elaboración dos novos pregos co compromiso de incluír melloras salariais e das condicións de traballo.
Unha melloras para dignificar as retribucións e que sexan acordes á formación e responsabilidade que se lles exixe, para rematar coas discriminacións que se dan entre persoal que realiza as mesmas funcións e para reducir a elevada parcialidade nos contratos. Mais a táboa reivindicativa contempla tamén demandas sobre o estado, mantemento e materiais das instalacións deportivas para pode ofrecer un servizo de calidade ás persoas usuarias.
Un dos delegados de persoal, Roberto de Dios, lembrou que levan máis de dous anos e medio tentando negociar co Concello da Coruña a incorporación das súas demandas nos novos pregos, que deberían estar xa licitados tendo en conta que a actual concesión rematou a prórroga o pasado 15 de novembro, “pero lonxe mellorar e avanzar nos dereitos, imos a peor”, denunciou. Indicou que durante o verán xa se produciron atrasos no ingreso das nóminas e das pagas extraordinarias “e agora estamos sen cobrar a nómina de novembro. Sentímonos no medio dun xogo entre dúas partes, empresa e Concello”, lamentou. Criticou que por parte do Goberno local non queiran “sentar con nós nin negociar nada”, polo que valorou que as accións de protesta continuarán nas próximas semanas.
Novas relacionadas

