O persoal da Escola Municipal de Música de Santiago leva tres meses sen cobrar e ameaza con unha folga indefinida

A día de hoxe a última nómina que lles ingresaron íntegra foi a do mes de agosto, a día 6 de outubro.

Desde a CIG-Ensino, como representación dos 22 traballadores e traballadoras, apoiamos absolutamente as súas reivindicacións salariais e poñémonos á súa disposición para esixir o inmediato cobro dos atrasos, cuestión que lle compete exclusivamente á empresa concesionaria do servizo. Ademais, esixímoslle ao concello que deixe de mirar para o outro lado e que lle efectúe á empresa os pagamentos pendentes para que esta poida contar con liquidación. É inadmisíbel que os sucesivos gobernos de Santiago maltraten deste xeito un servizo tan imporante para a cidade coma este.

O colectivo de traballadores da Escola Municipal de Música de Santiago levan sen cobrar unha nómina completa dende o mes de setembro a pesar de estar prestando servizo con total normalidade. Á vista de que a día 1 de decembro levarán tres nóminas sen ingresar, queren trasladarlle ao alumnado, ás familias e á sociedade compostelá que o funcionamento da Escola de Música depende exclusivamente da súa vontade.

"Queremos manifestar publicamente que, a pesar de ter estado traballando tanto no confinamento –esforzo e traballo que incluso chegou a verse cuestionado- como a partir do día 1 de setembro, levamos sufrindo retrasos de nóminas dende o mes de maio, e a día de hoxe a última nómina que se nos ingresou integramente foi a do mes de agosto, a día 6 de outubro", indican desde o cadro de persoal.

Neste momento a súa situación é límite tanto económica como emocionalmente ao sentirse abandonados pola administración e a empresa e denuncian a ausencia de respostas concretas, de solucións inmediatas e de información fluída e veraz sobre cando van poder recibir os seus salarios. 

Folga indefinida

Desde a CIG-Ensino, que ostenta a representación sindical do persoal, o seu secretario comarcal, Rubén F. Monteagudo, demanda que se restableza inmediatamente a normalidade dos pagos así como que se tomen medidas para que esta situación non se volva repetir. Así mesmo avanza que a continuidade dun servizo esencial para a educación e a cultura da cidade está en perigo xa que "de manterse esta situación o día 1 de decembro convocarase unha folga indefinida e calquera acción que sexa pertinente". 

Volver