O persoal da Escola Municipal de Música de Santiago suspende as actividades complementarias até negociar melloras laborais

Denuncian discriminación salarial, parcialidade nos contratos e inestabilidade laboral.

Segundo veñen de facer público nun comunicado, nin a empresa concesionaria atende as súas demandas laborais, nin o Concello de Santiago deu pasos para municipalizar o servizo tal e como comprometían os partidos do goberno no seu programa electoral.
COMUNICADO DO PERSOAL DA EMM de Santiago 

-----------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------

O persoal da Escola Municipal de Música de Santiago de Compostela leva anos sufrindo unha progresiva precarización das súas condicións laborais, agravada no último concurso público. Malia tratarse de persoas licenciadas e tituladas superiores, que desempeñan perfís profesionais semellantes e funcións equiparables ás doutras escolas municipais de música, o salario base bruto anual que se aplica en Santiago é significativamente inferior. A esta situación súmanse xornadas parciais e a xeneralización de contratos fixos discontinuos, que impiden garantir unha mínima estabilidade laboral.

Esta situación afecta tamén ao funcionamento e á calidade do proxecto educativo, limitando o seguimento do alumnado e a organización de actividades complementarias, malia o esforzo e implicación constante do cadro profesional.

O actual goberno municipal, conformado polo BNG e Compostela Aberta, incluía no seu programa electoral o compromiso de municipalizar a Escola Municipal de Música co obxectivo de estabilizar o emprego. Porén, a día de hoxe, a xestión do servizo mantense externalizada e, malia os distintos intentos por parte do persoal de mellorar as súas condicións laborais, a resposta da empresa concesionaria foi sempre negativa, mantendo unhas condicións claramente precarias.

Ante este escenario, e tras anos asumindo en solitario a defensa do valor e da función pública da Escola Municipal de Música, o persoal acorda suspender toda actividade organizada pola escola que non sexa estritamente lectiva, como medida de protesta e dignificación do seu labor.

Volver