O persoal da EMM de Santiago decidiu manter a convocatoria de folga indefinida a partir do vindeiro luns 21

Ese día celebrarase tamén a Mesa de Contratación do concurso convocado para a xestión deste servizo

Nunha asemblea de urxencia celebrada esta mañá os traballadores e traballadoras da Escola Municipal de Música de Santiago decidiron por unanimidade comezar a folga indefinida que teñen convocada a partir do próximo luns “ata ter a certeza total e absoluta de que se van manter os postos de traballo”. Esta cuestión, malia todos os pasos que se foron dando esta semana, non está aínda garantida.

O secretario comarcal da CIG-Ensino de Santiago, Rubén F. Monteagudo, considera que as mobilizacións levadas a cabo estes días polo persoal docente desta Escola conseguiron que o goberno municipal se puxera á fronte para desatascar este conflito e anímao a buscar unha solución canto antes. Os traballadores e traballadoras estarán moi pendentes do que ocorra o vindeiro luns na Mesa de Contratación que ten que dirimir que ocorre coa candidatura da única empresa que se presentou ao contrato para xestionar este servizo pero lembran que “a única certeza que teñen nestes intres é que a día 30 de xuño remata a súa relación coa empresa actualmente adxudicataria”. Así pois, todo o persoal que está nestes intres en servizo activo iniciará a folga ata que non se resolva o problema de fondo, “que é o mantemento dos postos de traballo nas mesmas condicións que teñen agora”, concluíu Rubén F. Monteagudo.

Volver